CC.OO. denuncia que Ence está despedindo traballadores en Pontevedra para recortar custos económicos

Pontevedra
02 de novembro 2016
Actualizado: 18:59

Desde Comisiones Obreras afirman que Ence despediu nos últimos meses a, cando menos, tres traballadores alegando baixo rendimento pero xustificado como reducción de costes  

José Luis García Pedrosa coa presidenta e o secretario do comité de empresa de oficinas centrais de Ence
José Luis García Pedrosa coa presidenta e o secretario do comité de empresa de oficinas centrais de Ence / PontevedraViva
Denuncian despedimentos e mal clima laboral en Ence /

Representantes sindicais das oficinas centrais de Ence en Pontevedra denunciaron durante este mércores 2 o mal clima laboral que se está rexistrando en Ence durante os últimos meses. Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das oficinas centrais e representante de Comisións Obreiras, afirma que durante o último mes despedíronse a dous traballadores da súa sección e tamén se rexistraron despedimentos na fábrica.

Segundo denuncia a representante sindical, a empresa xustifica os despedimentos no baixo rendemento laboral dos traballadores. Con todo, apunta a que a dirección está a tentar reducir custos coa supresión de empregos.

Tanto Ana Cedeira como o secretario do comité de empresa das oficinas e o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, aseguran que non están dispostos a seguir consentindo determinadas actitudes da empresa, despois de que o xulgado dese a razón a un delegado sindical de CC.OO. en Navia a quen Ence puxo un detective e un GPS no seu vehículo para tentar, segundo García Pedrosa, despedilo buscando escusas no seu rendemento. A empresa recorreu esta sentenza.

A sentenza sinala que se vulnerou o dereito á honra, á intimidade, o dereito á liberdade sindical e á liberdade de expresión. Por este motivo queren realizar un chamamento á presidencia da compañía e á xunta de accionistas do Grupo Ence para que se depuren responsabilidades coas persoas que ordenasen este tipo de investigacións ao delegado sindical en Navia e que se eviten situacións de confrontación co persoal.

ENCE INDICA QUE ESTÁ A INCREMENTAR O PERSOAL

A empresa emitiu un comunicado sinalando que desde o 1 de xaneiro de 2015, o persoal de Ence Pontevedra incrementouse nun 15,3%. O número de empregos directo xerados pola empresa pasou dos 339 do 31 de decembro de 2014 aos 391 do 31 de outubro do presente ano, segundo os datos da pasteira.

A dirección de ENCE considera inxustas as denuncias públicas sobre a evolución do persoal cando se incrementou sensiblemente o número de traballadores.

A empresa recoñece que houbo baixas nos últimos meses e asóciaas ás necesarias melloras de produtividade que Ence para ser competitiva no mercado internacional da celulosa, en momentos como o actual con prezos moi baixos da pasta. Os directivos apuntan que é necesario apostar polo diálogo cos traballadores.