Con motivo do Día internacional da Saúde e Seguridade no traballo, representantes do sindicato Comisións Obreiras (CCOO) concentrábanse en Marín ante o monólito en memoria das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo, lembrando que fai xa máis de dous anos que 21 mariñeiros do barco seguen no fondo do mar clamando xustiza.
Durante o acto leron un manifesto lembrando en 2023 faleceron 581 persoas como consecuencia de accidentes de traballo en España. 50 delas eran galegas.
O índice de incidencia en Galicia de número de accidentes mortais por cada 100.000 traballadores sitúase en 4,84 mentres que a proporción no conxunto de España foi de 2,92. O sindicato sinala que neste 2024 a evolución empeora, en especial na provincia de Pontevedra, xa que oito dos doce accidentes mortais rexistrados en Galicia foron na provincia: dous en Pontevedra, outros dous en Vigo, un en Vilanova de Arousa, dous na Cañiza e un en Ponteareas.
Os representantes de CCOO advirten de que esta situación se rexistra porque está asumido que a morte de entre 500 ou 600 traballadores cada ano é algo "aceptable" no conxunto do Estado.
O sindicato sinala que esta cifra debería crear unha alarma social e demanda medidas lexislativas, preventivas e formativas cun investimento de máis recursos.
Nese sentido, reclaman un reforzo da calidade da xestión da prevención nas empresas; reforzar o marco normativo para previr dos riscos psicosociais; acabar co subregistro de enfermidades profesionais. Neste último sentido, sinalan que en España estímase que anualmente falecen 8.700 homes e 850 mulleres por cancros debidos a exposicións laborais, pero en 2023 só comunicáronse 94 partes de enfermidade profesional por axentes canceríxenos, a maioría por mor do amianto.
Tamén piden o incremento do persoal da Inspección de Traballo, crear xulgados especializados en seguridade e saúde no traballo e potenciar a fiscalía especializada para regular o cumprimento da legalidade.