CCOO denunciará á concesionaria das piscinas de Campolongo ante Traballo e Sanidade

Pontevedra
16 de marzo 2016
Actualizado: 17:08

Así o recoñeceu Manuel González, representante do comité de empresa, nunha rolda de prensa convocada por Marea Pontevedra para denunciar o mal estado da instalación e reclamar ao Concello que se avance no proxecto de licitación do novo concurso ou se recupere a súa xestión pública. Serviocio xestiona as piscinas en base a unha prórroga da concesión que conclúe o 30 de xuño

Exterior das Piscinas de Campolongo
Exterior das Piscinas de Campolongo

A situación das piscinas de Campolongo chegará ao próximo Pleno Municipal de Pontevedra e tamén ás inspeccións de Traballo e Sanidade.

O sindicato Comisións Obreiras denunciará ante a inspección defiencias detectadas no servicio que presta a empresa concesionaria das instalacións, Serviocio, relacionadas coa presenza de socorristas, o nivel de cloro da piscina ou a non substitución de traballadores de baixa ou vacacións.

Así o anunciou Manuel González, representante do comité de empresa, nunha rolda de prensa convocada por Marea Pontevedra, na que a agrupación política pediu explicacións ao goberno local polo atraso na licitación do novo concurso de explotación e reclamou de novo que se recupere a xestión pública das piscinas.

Tal e como lembraron, a última prórroga da concesión, otorgada mentres se traballa no prego de condicións para unha novo concurso público, caduca o próximo 30 de xuño sen que se explicase a usuarios e traballadores que sucederá coas instalacións. "Pediron reunións e recibiron a calada por resposta", asegura Luís Rei.

Marea denuncia ademais que Serviocio non pagou aínda o canon, de algo máis de 7.000 euros cada tres meses, correspondente aos dous últimos trimestres de 2015 e o primeiro de 2016.

Segundo os cálculos da representación sindical as piscinas de Campolongo contan con máis de 2.000 usuarios habituais, repartidos entre 1.200 abonos individuais e 500 familiares, aos que prestan servizo un total de 45 traballadores.

O PREGO, DESPOIS DA SEMANA SANTA

Tras esta comparecencia, o Goberno Local informou a través dun comunicado que está previsto presentar o prego de condicións para o novo concurso público nunha próxima reunión do Instituto Municipal de Deportes, que se celebraría despois de Semana Santa.

O Concello asegura ser "conciente da necesaria mellora que require o complexo de Campolongo", pero explica que a tardanza en publicar o novo prego débese á necesidade xurídica de redactalo case desde cero, con respecto ao concurso que quedou deserto, ao decidir desvincular a concesión de Campolongo do complexo proxectado para A Parda.