CCOO chama á mobilización o 1º de maio ante "o avance de posicións reaccionarias que lembran ao fascismo"

Pontevedra
29 de abril 2025
Actualizado: 16:07

O sindicato denuncia a división sindical e reivindica melloras laborais nunha provincia que rexistra un aumento do 170% en mortes de traballadores temporais

José Luis García Pedrosa y Omar Vázquez, de CCOO
José Luis García Pedrosa y Omar Vázquez, de CCOO / Mónica Patxot

Comisiones Obreiras (CCOO) convocou a súa manifestación para este mércores 1 de maio en Pontevedra, que partirá ás 11:00 horas desde a Praza da Ferrería ata a praza dos músicos en San José, baixo a lema "Protexer o conquistado, gañar futuro".

En rolda de prensa, Omar Vázquez, secretario comarcal de CCOO en Pontevedra, acompañado por José Luís García Pedrosa, fixo un chamamento á participación cidadá ante o que considera "unha situación límite" caracterizada por "unha clase traballadora cada vez máis empobrecida, máis pasiva e máis dividida" e "un avance de posicións reaccionarias en todo o espectro político que lembran ao avance do fascismo no século pasado".

"Estamos a asistir a un saqueo dos dereitos e servizos sociais e a un desmantelamento da industria sen precedentes, mentres se engordan orzamentos de guerra con total impunidade", denunciou Vázquez, quen lamenta que o Primeiro de Maio "se convertese nunha simple xornada de descanso ou peor, nunha celebración festiva máis que de loita".

O responsable sindical subliñou a gravidade da situación laboral na provincia, que este ano rexistrou "a triste marca de ser a cuarta provincia de España en mortes laborais, só por detrás de Madrid, Valencia e Barcelona", cun alarmante aumento do 170% en mortes de traballadores temporais en Galicia.

Respecto á falta de unidade sindical, que provocou a convocatoria de tres manifestacións diferentes na cidade, Vázquez criticou tanto a UGT como a CIG. Do primeiro denunciou "eleccións pactadas coas propias empresas para ter representación a calquera prezo" e o seu apoio "aos orzamentos de guerra".

Sobre a CIG, sinalou a contradición entre o seu discurso en defensa da industria e a súa oposición a "proxectos de industrialización", acusando ao sindicato nacionalista de ser "cómplice do seu partido en promover peches industriais" referíndose, sen citalo, ao BNG.

Omar Vázquez, secretario comarcal de CCOO
Omar Vázquez, secretario comarcal de CCOOMónica Patxot

 

APAGAMENTO EN ENCE

En canto ao apagamento eléctrico do luns 28 de abril, Omar Vázquez, traballador de Ence, explicou que a fábrica pasteira en Lourizán puido manter a súa actividade grazas á súa autonomía enerxética.

"A fábrica ten un sistema automático de deslastre que, cando detecta unha baixada de tensión na liña, desconecta a rede para preservar a autonomía da planta" xa que a fábrica conta cun proceso de xeración enerxética que entrega á empresa enerxética.

O representante sindical sinalou que "a fábrica seguiu funcionando con total normalidade, pasando a modo illa, e se reconectaron a Fenosa ás 7:30 da mañá" deste martes 29.

Vázquez aproveitou para cuestionar as políticas enerxéticas actuais: "A xente debería reformularse esta política de dinamitar centrais térmicas e desmantelar nucleares, cando foron precisamente ese tipo de sistemas doutros países os que garantiron a subministración da rede de novo", concluíu.