O CEIP de Tenorio suspende a actividade lectiva este xoves despois dun incendio no comedor

Cerdedo Cotobade
11 de febreiro 2026
Actualizado: 12 de febreiro

O conselleiro de Educación e o alcalde de Cerdedo-Cotobade visitarán o centro este xoves para avaliar os danos e coordinar os labores de reparación

Incendio no comedor do CEIP de Tenorio Concello de Cerdedo-Cotobade

A actividade lectiva no CEIP de Tenorio, situado no concello de Cerdedo-Cotobade, quedará suspendida durante a xornada do xoves 12 tras o incendio rexistrado na tarde deste mércores nas instalacións do comedor escolar neste mércores.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tomou esta decisión de xeito preventivo mentres os servizos técnicos analizan as causas do lume e avalían o estado do inmoble.

Desde o inicio da incidencia, a administración autonómica e o goberno local manteñen contacto permanente para xestionar a situación.

Ás 10:00 horas, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde, Jorge Cubela, desprazaranse ata o centro educativo para supervisar os danos e coordinar as medidas necesarias para o restablecemento do servizo.

Este incidente prodúcese tras unha serie de melloras estruturais executadas no centro nos últimos anos. A finais do 2024, a Xunta de Galicia completou un investimento de preto de 40.000 euros destinado á reparación dos accesos exteriores.

Anteriormente, no ano 2019, o CEIP de Tenorio fora obxecto dunha reforma integral de eficiencia enerxética, cuxo orzamento superou os 500.000 euros.

Estas intervencións, coordinadas entre a Consellería de Educación e o equipo docente, tiñan como obxectivo o mantemento e a modernización do complexo educativo.