Celadores da área sanitaria de Pontevedra reclaman máis persoal e renovación das cadeiras de rodas

Pontevedra
20 de maio 2025

O xerente José Flores mantivo este luns 19 unha reunión preparatoria con representantes do colectivo no Hospital Provincial para abordar melloras laborais antes da entrada en funcionamento do Novo Montecelo

Encontro do xerente José Flores con representantes de celadores do Complexo Hospitalario
Encontro do xerente José Flores con representantes de celadores do Complexo Hospitalario / Colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Os celadores do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra solicitaron reforzos de persoal e renovación de equipamento durante unha reunión preparatoria mantida este lunes19 co xerente da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés, José Flores, no salón de actos do Hospital Provincial.

Segundo informou Gustavo Olmedo Portela, portavoz do Colectivo de celadores, entre as principais reivindicacións expostas destaca a incorporación dun celador adicional nas quendas de mañá e tarde en urxencias do Hospital Montecelo, así como o mantemento do autobús intercentros.

O colectivo tamén expresou a súa preocupación polo mal estado do material de traballo, solicitando unha mellora do estado das padiolas e unha "renovación total" do parque de cadeiras de rodas distribuídas polos distintos servizos, que se atopan "moi deterioradas".

Durante o encontro, que tivo carácter informativo, os representantes dos celadores abordaron ademais a necesidade de maior transparencia nos procesos de contratación, especificamente no relativo aos días de acúmulo.

Tamén demandaron ao xerente máis cursos de formación, ao entender que a súa carencia deriva en ocasións na "negativa de compañeiros a traballar en quirófano".

Esta reunión é preparatoria doutra que terá lugar nas vindeiras semanas no Hospital Montecelo, onde se abordarán estas e outras cuestións pendentes, como as que afectan especificamente aos celadores de quirófano e outros servizos.

Os celadores subliñan o seu papel fundamental na posta en marcha da loxística do Novo Montecelo, cuxa apertura suporá "un reto a nivel profesional" para este colectivo sanitario.