Celadores do Hospital do Salnés convocan unha concentración para recuperar as súas funcións

O Salnés
11 de maio 2021

Este colectivo convocou unha concentración para o vindeiro venres 14 de maio ás 12.00 horas na entrada do Hospital de O Salnés, co apoio do sindicato CIG-Saúde. Denuncian que o Sergas está a a contratar a dúas empresas por uns servizos que pode realizar un único profesional celador como é o caso de Información e de Seguridade de Entrada

Protesta de celadores no Hospital do Salnés
Protesta de celadores no Hospital do Salnés

O colectivo de profesionais celadores do Salnés concentrarase o vindeiro venres 14 de maio a partir das 12.00 horas na entrada do Hospital do Salnés para visibilizar a súa desconformidade coa xestión que está a realizar o Sergas neste centro hospitalario.

O sindicato CIG-Saúde apoia esta protesta e sinala que desde o Servizo Galego de Saúde está a malgastarse o erario público. Denuncian que se contrata a dúas empresas por uns servizos que pode realizar un único celador como sucede, segundo afirman, co servizo de Información e de Seguridade de Entrada do centro hospitalario. Sinalan que no Hospital Provincial de Pontevedra, en cambio, unha única celadora realiza estas funcións.

Demandan, ademais, maior información sobre a privatización deste servizo e reclaman a recuperación das funcións no Hospital do Salnés como sucede no caso de portería e información. Tamén piden un incremento de persoal celador no cuadrante estrutural deste centro e que permanezan todos os contratos existentes na actualidade, ademais dunha persoa celadora en todas as quendas de quirófano e reforzos durante as mañás.