Celebración do 8M en Bueu para garantir un futuro mellor

Bueu
07 de marzo 2025

Cultura, historia e reivindicación pola Igualdade forman parte da programación con motivo do Día Internacional das Mulleres. Este venres estudantes do CPR Virxe Milagrosa foron protagonistas do acto central

Concentracion escolar con motivo do 8M en Bueu 2025
Concentracion escolar con motivo do 8M en Bueu 2025 / Concello de Bueu

Bueu vístese de morado nesta conmemoración do Día Internacional das Mulleres cunha programación que aposta por sensibilizar, educar e poñer en valor o papel das mulleres tanto na historia local como na sociedade actual.

Este venres ao mediodía na Praza do Concello, o alumnado de 3º de primaria do CPR Virxe Milagrosa liderou unha concentración conmemorativa. Neste acto, os nenos e nenas ofreceron unha sentida lectura da declaración institucional polo 8M, destacando a importancia dos coidados, e interpretaron a canción  Matriarcas  da artista galega Guadi Galego.

Laura Ogando, concelleira de Igualdade, abriu o acto cunha intervención na que destacou a relevancia da educación para combater a desigualdade de xénero e avanzar cara a unha sociedade máis xusta.

Ogando sinalou que, malia os avances na concienciación social, "aínda persisten actitudes e percepcións que perpetúan a desigualdade e a violencia. A loita pola Igualdade necesita continuar nos centros educativos para garantir un futuro mellor."

Concentracion con motivo do 8M en Bueu
Concentracion con motivo do 8M en BueuConcello de Bueu

Un dos eventos máis destacados da programación será a ruta guiada "Mulleres da historia de Bueu", organizada polo Concello en colaboración coa Asociación A Illa dos Ratos.

O percorrido terá lugar o sábado 15 de marzo a partir das 10:30 horas e propón á cidadanía descubrir o rol clave das mulleres ao longo da historia da vila.

Figuras destacadas como Matilde Bares, mestra e pioneira na educación, ou Amalia Domínguez Búa, filántropa e empresaria, compartirán protagonismo con colectivos tradicionais como as peixeiras, as mariscadoras e as redeiras, verdadeiras representantes do matriarcado do mar. O percorrido será circular e partirá da escultura de José Solla na Praza Massó.

Óscar Rodríguez, representante da Asociación, destacou que "é fundamental poñer luz sobre as figuras femininas da nosa historia e recoñecer o seu impacto social".

Presentación da ruta Mulleres na historia de Bueu
Presentación da ruta Mulleres na historia de BueuConcello de Bueu

GASTRONOMÍA EN FEMININO

O protagonismo das mulleres espállase tamén ao ámbito gastronómico coas 'III Xornadas Gastronómicas en Feminino'. Do 8 ao 15 de marzo, doce locais da vila participarán nesta iniciativa creando tapas inspiradas na cociña de Amelia González, fundadora do recoñecido restaurante Casa Solla. Con este proxecto, non só se busca dinamizar a gastronomía local, senón tamén visibilizar a realidade de que máis do 80% das cociñas da restauración están lideradas por mulleres.

A aposta cultural e educativa polo 8M complétase cunha serie de actividades pensadas para diferentes públicos. O Cineclub Bueu proxectará o filme  Matronas  o 14 de marzo no Centro Social do Mar, unha obra que reflexiona sobre os desafíos das profesionais da sanidade. Ademais, o domingo 16 terá lugar a Milla pola Igualdade, organizada polo Club de Atletismo Galaicas, con sesións de zumba, fitness e unha carreira simbólica que busca visibilizar que "a Igualdade é a meta."

Por outra parte, nos centros educativos da vila estase a desenvolver un ciclo de cine con perspectiva de xénero, co obxectivo de fomentar o debate e a reflexión crítica entre o alumnado. Tamén se están a levar a cabo talleres de autoestima e autocoidado, organizados por colectivos locais como a Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro.