Celebran a "acertada" reforma do Paseo Naval da Illa de Arousa

O Salnés
09 de decembro 2024
Actualizado: 19:51

A empresa Maconsa executou estas obras que xa remataron o pasado mes de setembro. Nelas investíronse 440.000 euros ao abeiro do programa PON2030

Visita ao Paseo Naval da Illa de Arousa
Visita ao Paseo Naval da Illa de Arousa / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación, Luis López e o alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, percorreron este luns a senda peonil do Paseo Naval.

A empresa Maconsa executou estas obras que xa remataron o pasado mes de setembro. Nelas investíronse 440.000 euros ao abeiro do programa PON2030, dos que a institución provincial achegou o 90 % do total, uns 400.000 euros, mentres que o Concello achegou o 10 % restante, arredor de 40.000 euros.

Luis López indicou que esta actuación que conecta a parte comercial co pulmón verde da Illa é "un plus para os veciños, que gañan espazos porque non van circular vehículos e porque inclúe a renovación dos servizos".

A obra consistiu na construción de novas beirarrúas onde non existían e a ampliación do ancho das existentes.

Ademais reordenáronse as zonas de aparcamento, suprimiuse unha mediana e creouse un carril bici.

Tamén se colocaron novos elementos vexetais, mobiliario urbano e renovouse a iluminación e todos os servizos.

Esta reforma, segundo Luis López, "vai dinamizar a zona desde o punto de vista comercial, social e cultural" polo que "teño que darlle os parabéns ao Concello polo acertada que foi esta actuación", recoñeceu o presidente provincial.