Celeste Nieto non tomará posesión como concelleira do PP de Poio "para centrarse na súa vida profesional"

Poio
10 de xuño 2015

A popular, que formaba parte da casa do concello dende 2003, asumirá a función de coordinar o grupo municipal coa directiva local do partido

Celeste Nieto, concelleira do PP en Poio
Celeste Nieto, concelleira do PP en Poio / PP de Poio

A secretaria local do PP de Poio e actual número dous do grupo municipal popular no Concello, Celeste Nieto, confirmou este mércores que renunciará á súa acta de concelleira "para dedicar máis tempo á miña actividade profesional e á miña vida persoal, así como para deixar paso a un equipo novo e renovado que tome o relevo na política municipal".

A popular, administradora de fincas, nai de tres fillos, e experta en negociación internacional, tomou "esta difícil decisión despois de meditalo moito e de ver que me era imposible compaxinar a miña profesión, a actividade política, e a miña vida persoal". Nieto non abandona a política, posto que seguirá "axudando aos novos concelleiros a coñecer o funcionamento da administración local e coordinando as actuacións do grupo municipal popular coas decisións da directiva local do partido".

O presidente do PP local e voceiro do grupo municipal, Ángel Moldes dixo comprender a decisión do seu ata agora número dous, aínda que confesou sentirse apesarado "non é habitual traballar con alguén con tanta valía, integridade profesional e capacidade de sacrificio. Eu tiven a fortuna de colaborar con ela e aprender dela dende 2007. Foi unha verdadeira honra", explicou o político popular.

O escano vacante de Celeste Neto pasará a ser ocupado por Marcial García, funcionario da área técnica de Obras do Concello de Pontevedra, que xa tomará posesión no pleno extraordinario do próximo sábado.