O Museo Municipal Manuel Torres de Marín acolleu o acto de clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE), unha iniciativa da que se beneficiaron 100 mulleres.
Estas 100 beneficiarias puideron mellorar as súas competencias profesionais de cara a aumentar a posible inserción laboral futura.
A alcaldesa, María Ramallo, pechou o acto animando ás usuarias a "formarse e competir" nun mercado laboral que recoñeceu como complexo, pero no que "chegar cos deberes feitos sempre é a mellor garantía".
Ramallo tamén asegurou que o Concello continuará solicitando novos Programas Integrados de Emprego e Obradoiros de Emprego, para que estas iniciativas cheguen ao maior número de persoas posible.
"Sembrando, sempre acaba dando resultado", concluíu María Ramallo.

O director do programa, Óscar Rey, abriu o acto destacando as múltiples saídas laborais ás que se encamiñaron ao longo destes meses.
Subliñou tamén o carácter humano e de acompañamento que marcou esta edición, incidindo en que este tipo de programas non só ofrecen formación, senón tamén apoio continuo para favorecer a inserción laboral.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, salientou que "a mellor política social é a política de emprego" e puxo en valor a formación como ferramenta esencial para mellorar a empregabilidade.
O Concello de Marín contou cunha subvención de 170.000 euros para este programa.
