Cen profesionais participarán na IV Xornada Foro Norte de solo pelviano en Montecelo

Pontevedra
25 de maio 2023

A xornada será este sábado 27 de maio, organizada polo servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Esta enfermidade afecta a un considerable porcentaxe de mulleres maiores de corenta anos, aumentando a prevalencia coa idade. A intención deste encontro é estudar a globalidade destas pacientes, incluíndo a perspectiva da Atención Primaria

Eloy Moral Santamarina, xefe de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario (á dereita da imaxe)
Eloy Moral Santamarina, xefe de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario (á dereita da imaxe) / Mónica Patxot - Arquivo

Este sábado 27 de maio a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrará a cuarta edición da Xornada Foro Norte de Solo pelviano no Hospital Montecelo. 

O servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é o encargado de organizar este evento ao que asistirán máis de 100 profesionais de especialidades como a Xinecoloxía, Cirurxía, Uroloxía, Matronas e persoal de Fisioterapia, Rehabilitación e Enfermería.

O doutor Eloy Moral Santamarina exerce de presidente do comité organizador e explica que neste foro actualizaranse os coñecementos sobre as principais patoloxías de solo pelviano, problemas que afectan principalmente a unha elevada porcentaxe de mulleres maiores de corenta anos, aumentando a prevalencia coa idade.

A intención é analizar técnicas para o seu tratamento e recuperación e diríxese ao persoal facultativo, de enfermería, fisioterapeutas, matronas e profesionais de rehabilitación. 

Ademais búscase unir sinerxias entre os diversos especialistas para avanzar na consolidación dunha unidade multidisciplinar específica dedicada ao solo pelviano na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 

Segundo indican desde a organización, as consultas de solo pelviano incrementáronse de maneira gradual durante os últimos anos na área sanitaria, cun aumento do 75% nas primeiras consultas. A subida aínda é maior nas consultas sucesivas alcanzando o 90%. En 2022 no Complexo Hospitalario prestouse asistencia a máis de 350 pacientes afectados, tamén afectan a homes, dalgunha patoloxía relacionada co solo pelviano.

Eloy Moral lembra que a non detección a tempo dos problemas nestas musculaturas provoca que, en ocasións, deriven en intervencións cirúrxicas, como sucede nos prolapsos. "Trátase dun reto asistencial recorrente para previr a incontinencia, as infeccións urinarias ou as lesións dermatolóxicas, que son outras das consecuencias destas patoloxías, cuxa repercusión sobre a calidade de vida dos pacientes é de considerable importancia", indica o xefe de servizo de Xinecoloxía e Obstetricia.

Nesta xornada analizaranse patoloxías de incontinencia fecal e urinaria en deportistas e pacientes postoperatorios e post-parto, con especial atención aos tratamentos de vexiga hiperactiva. Entre outros temas, tamén se analizarán as técnicas fisioterápicas ambulatorias, actualización de coñecementos sobre novas técnicas ou o labor asistencial que desenvolven matronas e xinecólogas na prevención destes casos entre a poboación feminina.