A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Luis López, asinaron este xoves un protocolo de colaboración que reedita o programa Ponte Zero.
Son actividades para reforzar a educación ambiental nos centros de ensino da provincia co obxectivo de concienciar aos máis novos da importancia dunha correcta xestión e reciclaxe dos residuos.
A Deputación de Pontevedra financiará este ano con 150.000 euros unha serie de actividades de concienciación que levará a cabo o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida).
Ponte Zero inclúe actividades como xornadas formativas para o profesorado, exposicións itinerantes, obradoiros, a "patrulla reciclaxe" ou contacontos sobre cuestións como o impacto da produción téxtil ou dos aceites no medio ambiente e os potenciais usos deses refugallos.
Segundo explicou Luis López, este programa Ponte Zero achega coñecementos á comunidade escolar para minimizar a produción de residuos e potenciar a súa correcta separación.
Deste xeito, segundo explicou a conselleira, o obxectivo é "fomentar actitudes cívicas e de corresponsabilidade" que completan a educación ambiental que o alumnado de infantil, primaria e secundaria recibe nos propios centros de ensino, adecuando o programa de iniciativas ás demandas e necesidades de cada un deles.

Luis López destacou que a intención é chegar a todos os centros educativos dos 61 concellos da provincia de Pontevedra, tanto ao alumnado como ao seu profesorado e ás familias.
Ángeles Vázquez incidiu en que "para garantir unha correcta reciclaxe e poder converter os residuos en recursos", é necesario que toda a poboación entenda a importancia de facer un consumo responsable que permita reducir o volume de residuos que xeramos como a necesidade de separar correctamente os diferentes tipos de refugallos.
A conselleira sinalou que a importancia do papel dos máis novos ante o quecemento global e avanzar cara á neutralidade climática e lembrou que a Xunta vén de poñer en marcha o programa Mocidade polo clima.
É unha iniciativa que, a través de campamentos, voluntariado ambiental e premios, aspira a educar e sensibilizar fronte ao cambio climático a máis de 10.000 galegos con idades comprendidas entre os 3 e os 35 anos.