Cerdedo-Cotobade activa dúas brigadas coa contratación de 24 persoas ata final de ano

Cerdedo Cotobade
16 de xullo 2020

24 persoas formarán as brigadas temporais que, en materia de infraestruturas e medio ambiente, activou o Concello de Cerdedo-Cotobade. A contratación dos operarios, a xornada completa ata final de ano, é cunha achega de 219.000 euros do Plan Concellos da Deputación

Desbroce de camiños en Folgoso
Desbroce de camiños en Folgoso / Concello de Cerdedo-Cotobade

24 persoas formarán as brigadas temporais que, en materia de infraestruturas e medio ambiente, activou o Concello de Cerdedo-Cotobade. A contratación dos operarios, a xornada completa ata final de ano, é cunha achega de 219.000 euros do Plan Concellos da Deputación.

Nesta ocasión, e tendo en conta a necesidade principal de manter limpas as infraestruturas e demais espazos municipais e públicos nun ano de gran crecemento da maleza e ante o ascenso do turismo, o Concello optou por primar a contratación de podadores, peóns de roza e motoserristas forestais, que copan un total de nove prazas.

Así mesmo, tamén destaca a incorporación de canteiros, con outras cinco persoas, para a execución de tarefas de reparacións urxentes, pavimentacións e muros de pechamento.

As dez persoas restantes que reforzarán o plantel municipal no que resta de ano serán soldadores de estruturas metálicas lixeiras (2), condutores-operarios de maquinaria forestal a motor (2), condutores de camión (2) e, xa cun efectivo por posto, canteiro, pintor de vías urbanas, mecánico e auxiliar de medio ambiente.

O obxectivo deste plan laboral pasa por mellorar a empregabilidade e favorecer a inserción laboral dos parados contratados ao tempo que se impulsa a preservación das infraestruturas municipais, o patrimonio cultural, o medio natural e os vehículos e a maquinaria municipal.

Este persoal, que foi seleccionado en estrito cumprimento das bases do Plan Concellos, traballará en coordinación coa brigada municipal de Obras e baixo a supervisión e control do encargado municipal.