Cerdedo-Cotobade adxudica a nova sinalización informativa dos accesos por estrada cunha baixa do 40%

Cerdedo Cotobade
30 de agosto 2017

O Concello recibiu cinco ofertas na fase de licitación, que contaba cun orzamento de 49.855 euros sufragado cunha axuda da Xunta. Proponse o contrato a Nexia Infraestructuras por 30.232 euros e tres días de execución

Vello cartaz dando a benvida ao concello de Cotobade
Vello cartaz dando a benvida ao concello de Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de facer unha proposta de adxudicación da nova sinalización informativa do municipio fusionado nos principais accesos por estrada a prol da empresa Nexia Infraestructuras, que presentou unha oferta cunha baixa do 40% sobre o orzamento de licitación.

O Concello sacou a concurso este contrato por 49.855 euros, impostos incluídos, que serán sufragados grazas a unha axuda da Xunta de Galicia.

Na fase de licitación recibíronse cinco propostas empresariais, sendo a máis vantaxosa a de Nexia, xa que acometía o traballo por 30.232 euros e nun prazo de execución de só tres días. Esta gran baixa foi xustificada debidamente pola empresa e ademais a súa argumentación foi respaldada por un informe técnico municipal, polo que se acaba de propoñer a súa adxudicación a través dunha resolución da presidencia.

A proposta de sinalización informativa de benvida ao termo municipal, que está homologada e se corresponde coa esixida polo organismo autonómico, inclúe a imaxe corporativa de Galicia, a denominación do novo concello, a imaxe dos hórreos das famosas eiras e o tradicional "benvidos" en ata seis idiomas: galego, castelán, francés, inglés, alemán e portugués.

Estes sete elementos están concebidos como paneis con estrutura de aceiro galvanizado con grandes dimensións, xa que acadan os 5 por 1,10 metros.

O goberno local vai situalos nos sete principais accesos ao municipio polas estradas autonómicas e provinciais e, nalgúns casos, retirando a antiga sinalización existente coa denominación individualizada dos anteriores concellos.

Os puntos estimados para estes tótems informativos son os seguintes:

  • PO-233, de entrada a Cotobade dende Pontevedra, preto do miradoiro da Soldada.
  • EP-0407, de entrada a Cotobade dende Ponte Caldelas.
  • PO-235, de entrada a Cotobade dende A Lama.
  • PO-231, de entrada a Cotobade dende Campo Lameiro.
  • PO-534, de entrada a Cerdedo dende Forcarei.
  • PO-7101, de entrada a Cerdedo dende A Estrada, entre Sabucedo e o cruce de Devesa e Laxoso.
  • PO-230, de entrada a Cerdedo por Serrapio dende Campo Lameiro.