Cerdedo-Cotobade avanza cara á posta en marcha dos Baños de San Xusto

Cerdedo Cotobade
04 de decembro 2025

O Diario Oficial de Galicia publicou a apertura do período de información pública da solicitude de autorización para o aproveitamento lúdico das augas termais do Pozo Baños de San Xusto

Inauguración dos renovados Baños de San Xusto
Inauguración dos renovados Baños de San Xusto / Mónica Patxot

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou este xoves a súa satisfacción polo novo paso dado no proceso para a posta en marcha das futuras termas de San Xusto. O Diario Oficial de Galicia publicou a apertura do período de información pública da solicitude de autorización para o aproveitamento lúdico das augas termais do Pozo Baños de San Xusto, un trámite clave dentro da folla de ruta marcada polo Concello.

En paralelo, tamén se están a solicitar os informes sectoriais preceptivos e vinculantes, entre eles o da Consellería de Sanidade, necesarios para a declaración definitiva do uso lúdico das augas. Trátase dunha fase obrigatoria que abre a porta á consolidación dun novo recurso turístico e de benestar no municipio.

Segundo explicou Cubela, este trámite supón un paso que "confirma que estamos avanzando con paso firme cara á creación dun dos proxectos turísticos e naturais máis emblemáticos do noso territorio". O rexedor salientou que as augas termais de San Xusto "teñen un enorme potencial natural, cultural, turístico e paisaxístico", polo que a súa posta en valor contribuirá a reforzar unha estratexia municipal baseada "no turismo sostible e de calidade".

O proxecto, promovido polo propio Concello, permitirá acondicionar un espazo termal público nas inmediacións do río Lérez, en Barbeitos (San Xurxo de Sacos). A zona xa fora recoñecida pola Xunta no mes de xaneiro coa declaración oficial da condición termal das súas augas para uso lúdico, un paso imprescindible para avanzar na súa transformación nun equipamento de referencia.

As futuras termas de San Xusto aspiran a converterse nun novo atractivo da oferta turística, natural e ambiental de Cerdedo-Cotobade, ao situarse nun enclave singular, protexido e moi próximo ao conxunto etnográfico e monumental da zona.

O Concello lembra ademais que calquera persoa interesada pode consultar a documentación e presentar alegacións durante os 30 días seguintes á publicación do anuncio no DOG, seguindo o procedemento establecido pola Consellería de Economía e Industria.

Dende o goberno municipal reafírmanse no compromiso de continuar impulsando este proxecto estratéxico, chamado a dinamizar o territorio, xerar novas oportunidades e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

"Seguiremos traballando con responsabilidade e ilusión para que este novo recurso sexa unha realidade canto antes", concluíu Cubela.