O Concello de Cerdedo-Cotobade afronta unha nova etapa na que quere revalorizar os recursos e espazos naturais do municipio.
Así o trasladou o alcalde, Jorge Cubela, á directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, co obxectivo de establecer unha estreita colaboración coa Xunta de Galicia que permita dinamizar as zonas da Rede Natura, promover o turismo sostible na zona e actuar nas contornas fluviais como os de Calvelo e no Monte Seixo.
Durante a reunión, Cubela destacou o compromiso do Concello coa recuperación dos espazos naturais e fixo fincapé na importancia do primeiro Pacto pola Paisaxe, que permitiu rehabilitar os Baños do San Xusto e revitalizar toda a contorna do río Lérez.
O rexedor tamén presentou a Díaz a ruta de sendeirismo entre Cabenca e Cavadosa, un proxecto que integra a natureza con elementos etnográficos como muíños, petos de ánimas e cruceiros.
Esta iniciativa, segundo Cubela, é un exemplo de como se pode combinar a conservación do medio ambiente co fomento do turismo rural.
Tanto a Xunta como o Concello acordaron realizar unha nova reunión co obxectivo de de definir estes proxectos.