O Concello de Cerdedo-Cotobade completa a mellora do Camiño do Quinteiro, na parroquia cerdedense de Tomonte. A obra, valorada en 100.500 euros, consistiu no ensanche, embelecemento e preservación de elementos patrimoniais deste histórico camiño.
A intervención centrouse nun tramo de 150 metros, que pasa agora a ter un ancho de 8,50 metros. Doutra banda, a obra serviu tamén para crear unha zona verde de lecer equipada con céspede artificial, árbores e bancos.
A reapertura deste camiño, de acceso en curva que leva ao centro da parroquia, conta tamén con novas sendas nas marxes da calzada deseñadas para facilitar o tránsito de peóns, cadeiras de rodas ou bicicletas.