Cerdedo-Cotobade, exemplo para novas fusións que a Xunta quere impulsar en Galicia

Cerdedo Cotobade
24 de novembro 2021

A Xunta de Galicia encargou un estudo á Fundación Juana de Vega co obxectivo de analizar as dúas fusións de municipios realizadas na comunidade desde 2013 e impulsar novas unións no mapa político-administrativo local

Sinatura do convenio da Xunta e a Fundación Juana de Vega para estudar as fusións de concellos
Sinatura do convenio da Xunta e a Fundación Juana de Vega para estudar as fusións de concellos / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia encargou un estudo á Fundación Juana de Vega co obxectivo de analizar as dúas fusións de municipios realizadas na comunidade desde 2013 e impulsar novas unións no mapa político-administrativo local.

Nun acto que se celebrou en Cerdedo-Cotobade, municipio fusionado desde 2017, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, asinou o convenio para a realización deste estudo sobre os efectos que tiveron estas fusións.

Na súa intervención, Rueda defendeu que o mapa territorial galego "necesita actualizarse" para poder ofrecer aos cidadáns uns servizos públicos "máis eficientes".

O dirixente puxo como exemplos a Oza-Cesuras, municipios coruñeses que se uniron hai oito anos, e aos seus homólogos en Pontevedra, deste "camiño a seguir".

Galicia, subliñou o vicepresidente da Xunta, foi "pioneira" no impulso das fusións municipais ao entender que, coa dispersión poboacional, os concellos pequenos "cada vez teñen máis dificultades" para xestionar e financiar os seus servizos.

Pasados catro anos da última fusión, a de Cerdedo-Cotobade en 2017, o executivo galego considera que "chegou o momento" de analizar os resultados e as vantaxes para os cidadáns dos concellos fusionados.

Estes, ademais de beneficiarse das partidas destinadas ao fondo especial de fusións -máis de 10,5 millóns de euros no período 2016-2021-, recibiron a práctica totalidade das axudas convocadas para as entidades locais que comparten servizos públicos. 

O traballo da Fundación Juana de Vega, que conta cun equipo especializado na caracterización socioeconómica e demográfica dos concellos de Galicia, pretende tamén seguir promovendo esta unión de concellos.

A Xunta avanza que seguirá favorecendo os procesos de fusións con axudas aos concellos que, de maneira voluntaria, opten por esa figura administrativa.

Nos seus orzamentos para 2022, a Xunta incluíu unha partida de 1,5 millóns de euros para financiar posibles unións entre concellos galegos.