O Concello de Cerdedo - Cotobade afronta a mellora dos sistemas de almacenamento e abastecemento de seis comunidades de augas. Cun orzamento de 72.000 euros concedido pola Xunta, propóñense implantar melloras que garantan a subministración da poboación diante do aumento do risco de seca dos últimos anos.
As axudas, cifradas en 12.000 euros para cada entidade, beneficiarán ás comunidades de usuarios de augas de Rega do Foxo, Fonte do Can, Liñeiriños, Salgueiros, Igrexario e Frade pertencentes ás parroquias de Tenorio, Viascón e Loureiro.
As actuacións contempladas céntranse en cambios de tubaxes, reposición de canalizacións, execución de casetas e arquetas, aproveitamento da auga ou peches dos perímetros dos mananciais.
"Permitirán seguir estendendo o plan de loita contra a seca que estamos a impulsar desde o Concello e no que levamos investidos máis de 600.000 euros en tres anos", declarou o alcalde Jorge Cubela, agradecendo tamén á Xunta a concesión das axudas.