Cerdedo-Cotobade ofrece a súa "colaboración absoluta" aos afectados polos incendios

Cerdedo Cotobade
10 de novembro 2017

Foi nunha xuntanza, de máis de dúas horas, con colectivos de Augasantas, Rebordelo, Loureiro, Tenorio e Borela e a seis donos de explotacións que sufriron a vaga de lumes

Xuntanza de Jorge Cubela con afectados polos incendios
Xuntanza de Jorge Cubela con afectados polos incendios / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade poñerá a disposición dos veciños e das comunidades de montes afectadas polos incendios do pasado mes de outubro todos os servizos municipais, para que reciban asesoramento ou axuda na tramitación das solicitudes. Así, Jorge Cubela brindoulles a "colaboración absoluta" de todo o goberno municipal.

Foi nunha xuntanza, de máis de dúas horas, con colectivos de Augasantas, Rebordelo, Loureiro, Tenorio e Borela e con seis donos de explotacións que sufriron a vaga de lumes.

Acompañado do xefe provincial de Medio Rural, Antonio Crespo, e a xefa do servizo de Montes, Amalia Pazos, Cubela abordou con eles a situación no municipio e informoulles sobre as axudas convocadas recentemente pola Xunta de Galicia.

O encontro serviu para que os representantes autonómicos explicaran en profundidade a orde de axudas e as distintas posibilidades de indemnización que ofrece e tamén para que coñeceran de primeira man os danos exactos causados polos lumes no municipio.

O presidente municipal amosou a súa satisfacción polo resultado da xuntanza, xa que destacou a "sensibilidade" dos representantes da Xunta para estar do lado dos veciños e aportarlles información e tamén resaltou o "optimismo" co que os afectados saíron do encontro ao percibir que existen bastantes posibilidades de contar con axudas que permitan manter a súa actividade ou a recuperación dos seus terreos, no caso das comunidades.