Cerdedo-Cotobade ofrece conexión a Internet a 25 familias con fillos en idade escolar

Cerdedo Cotobade
21 de maio 2020

A intención do goberno local é facilitar a realización das tarefas educativas ata final do curso en aqueles fogares con menos recursos ou problemas de cobertura

Entrega de tarxetas de conexión a Internet a familias no Concello de Cerdedo-Cotobade
Entrega de tarxetas de conexión a Internet a familias no Concello de Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de facer entrega de tarxetas de conexión a Internet a 25 familias do municipio para que os menores en idade escolar poidan continuar coas súas tarefas educativas de forma telemática durante o mes e medio que resta de curso académico.

A selección das familias, ás que xa lle foron entregadas as tarxetas nun acto no que tamén recibiron explicacións sobre o seu funcionamento, foi coordinada polo departamento de Servizos Sociais e os centros educativos do Concello.

O obxectivo desta nova prestación é ofrecer unha solución ás dificultades de moitos escolares para o acceso a Internet pola baixa renda das súas familias ou problemas de cobertura nalgunhas localidades.

Lembran desde o goberno local que o uso desta tarxeta debe dedicarse exclusivamente á realización de tarefas escolares para o que as familias asinaron un acordo de responsabilidade no que se comprometen a realizar un uso adecuado do servizo. 

O alcalde, Jorge Cubela, anunciou ademais que o programa segue aberto á incorporación de novas familias sempre que os Servizos Sociais ou os centros educativos detecten novas necesidades.