Cerdedo-Cotobade pecha as contas de 2021 con superávit e un remanente de 200.000 euros

Cerdedo Cotobade
02 de abril 2022

O alcalde, Jorge Cubela manifestou a súa satisfacción por ter logrado "un resultado equilibrado no exercicio ao tempo que non se deixou de atender nin os servizos nin os investimentos necesarios para conseguir que o noso concello avance en momentos difíciles"

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, con integrantes do equipo de goberno
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, con integrantes do equipo de goberno / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade pechou a execución orzamentaria do ano 2021 con números positivos, lanzando un superávit de 665.552,86 euros.

Ademais estas contas deixan un remanente de tesourería nas arcas municipais de 200.000 euros e "débeda cero" con entidades bancarias, segundo explicou o alcalde, Jorge Cubela.

"Dá boa mostra do equilibrio orzamentario e da estabilidade económica do Concello que estamos a impulsar desde o grupo de goberno a pesar de contar con investimentos históricos no noso municipio e seguir mantendo un alto nivel de atención á veciñanza en materia social", defende o rexedor.

Segundo Cubela, tras partir dun orzamento de preto de 4 millóns de euros e lograr alcanzar partidas definitivas próximas aos 9 millóns, "o Concello atópase en situación de estabilidade orzamentaria".

Esta situación permite á administración local contar con capacidade investidora e cumprir sen contratempos co período medio de pago aos seus provedores.