Cerdedo-Cotobade quere renovar a rede municipal de pistas

Cerdedo Cotobade
27 de outubro 2018

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de activar a parte central do Plan de Vías Municipais 2018-2019 cun total de 38 obras que beneficiarán a dez parroquias de Cotobade e cinco de Cerdedo e nas que se investirán case 1,38 millóns de euros

Visita á mellora viaria en Famelga
Visita á mellora viaria en Famelga / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de activar a parte central do Plan de Vías Municipais 2018-2019 cun total de 38 obras que beneficiarán a dez parroquias de Cotobade e cinco de Cerdedo e nas que se investirán case 1,38 millóns de euros.

Este proxecto global permitirá que, entre o presente segundo semestre de 2018 e o arranque do vindeiro ano, se poñan en marcha doce grandes actuacións.

En canto aos proxectos a desenvolver, figuran as pavimentacións en San Xurxo, Cutián, Viascón e Santa María (160.575 euros), pavimentacións, cunetas e canalizacións nas Lagoas, Carballedo, Valongo, Famelga e Loureiro (145.650), mellora de camiños en Loureiro, Vilar, Pozo Negro, Costa, Parada de Tenorio e Vila de Abaixo (121.000), mellora das pistas de Arrotea e Limeres (125.575) ou obras en Esbarrela, capela de San Antonio, Vilar, Viduído e Vilarchán (120.602).

Ademais, a eles súmanse a mellora viaria en oito pistas de Tenorio, Calvelo e Parada (250.000), Casanova e O Quinteiro (40.000), actuacións en Barro, Chamadoira e outros (120.000), novo acceso ao colexio de Carballedo (60.000), ensanchamento interno en Vilanova (45.000), accesos a Limeres e á potabilizadora de Cerdedo (94.738) e ensanchamento do Camiño do Quinteiro, en Tomonde (100.481).

O presidente municipal, Jorge Cubela, destacou a "capacidade de xestión" do goberno local para conseguir "unha cifra récord para as pistas municipais que nos permitirá impulsar o plan viario máis ambicioso da nosa historia e que deixará as nosas estradas en óptimas condicións".