Cerdedo-Cotobade reedita as xornadas turísticas, históricas e culturais Cuspedriños10

Cerdedo Cotobade
09 de outubro 2017

Comezarán cunha actividade de recollida de castañas e magosto familiar este mércores 11 de outubro a partir das 17.00 horas no antigo mercado de Cuspedriños. Os participantes deben inscribirse gratuitamente no concello ou no teléfono 986 760001 para facilitar as cuestións de loxística

Feira de Cuspedriños 2017
Feira de Cuspedriños 2017 / Diego Torrado

O Concello de Cerdedo-Cotobade organiza a partir deste mércores 11 de outubro unha segunda edición das xornadas turísticas, históricas e culturais Cuspedriños10, que puxo en marcha no ano 2016 co obxectivo de complementar á Feira de Cuspedriños e honrar o pasado e a historia de Cotobade durante distintas épocas do ano.

Estas II xornadas turísticas, históricas e culturais Cuspedriños10 comezarán cunha actividade de recollida de castañas e magosto familiar a partir das 17.00 horas no antigo mercado de Cuspedriños. Os participantes deben inscribirse gratuitamente no concello ou no teléfono 986 760001 para facilitar as cuestións de loxística. 

As actividades continuarán o sábado día 14 cun roteiro guiado de sendeirismo entre o antigo balneario de San Xusto e a Ponte Romana. Pasará polas principais iconas turísticas e históricas do municipio e, por cuestións de transporte, será preciso realizar unha inscrición previa no concello ou no teléfono 986 760001.

Ademais, haberá unha exposición itinerante sobre o 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, que se contemplará no salón de actividades do consistorio de Carballedo durante unha semana en colaboración coa Fundación Antonio Fraguas.

A programación incluirá unha charla de Clodio González, biógrafo de Fraguas, o venres 10 de novembro e o 12 de novembro, tamén co apoio da Fundación Fraguas, haberá un roteiro do Foxo do Lobo pola contorna de Loureiro.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, insiste en que esta actividade "demostra o noso interese por consolidar aquelas iniciativas que teñen demanda", xa que o ano pasado acolleu a máis de 300 persoas, e por potenciar os valores ambientais e históricos en torno a un certame como a Feira de Cuspedriños.