O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de confirmar unha boa nova para o Concello de Cerdedo-Cotobade. Un ano despois da fusión dos dous municipios, a súa poboación segue a crecer. O seu padrón subiu no último ano analizado -ata o 1 de xaneiro de 2017- en 36 persoas, o que sitúa en 6.107 o número total de veciños.
O goberno municipal celebra que, en tan só un ano, o concello fusionado logrou reverter a tendencia demográfica neste territorio e situarse dentro dos trinta municipios galegos que gañaron máis poboación no último ano.
Jorge Cubela amosou a súa absoluta satisfacción pero tamén bastante prudencia, xa que "non debemos caer no triunfalismo, porque só é un dato, non unha tendencia, pero demostra que hai cousas que estamos a facer ben".
"Hai moitos concellos, especialmente de interior, que están traballando ben a nivel poboacional e aínda así perden censo. Por cuestións estruturais, o normal sería perder poboación aínda que se traballe ben neste eido, pero o que está claro é que, sen facer ben as cousas, é imposible subir o censo", detallou o rexedor.
Para o presidente municipal a alza do padrón é debida á fusión dos dous territorios, xa que "nos outorga maiores recursos que nos permiten realizar políticas que favorezan a fixación de poboación e a chegada de novos veciños". Entre elas, destacou as sucesivas baixadas de impostos, o elevado ritmo de investimentos e o reforzo e mellora dos servizos públicos.
Este incremento, engade o Concello, se debe principalmente á chegada de moitas parellas de xente nova, atraídas polo benestar do concello, e que compensaron o saldo vexetativo negativo que existe, malia o repunte dos nacementos.
"Viñeron tantas que absorberon o saldo vexetativo negativo e, a maiores, permitíronnos gañar poboación e iso que coñezo algunhas que residen no noso territorio e que aínda non se empadroaron, pero estamos traballando niso", concretou Cubela.
A este respecto, o presidente de Cerdedo-Cotobade aposta "por seguir traballando en facer do municipio un lugar atractivo para vivir, máis aló da súa extraordinaria beleza, con tributos baixos, bos servizos e comunicacións e facilidades para construír unha vivenda ou montar un negocio, aproveitando a calidade de vida e a tranquilidade propias deste territorio e a proximidade con Pontevedra como cidade de referencia".