O Concello de Cerdedo-Cotobade tamén estará presente na Feira Internacional de Madrid FITUR 2025, que se celebra entre o 22 e o 25 de xaneiro.
Será a través do termalismo e da Vía Mariana, unha ruta que desde Portugal vai enlazando toda unha serie de santuarios adicados á Virxe María ata Compostela e Muxía.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, terá un papel protagonista na feira, con dúas intervencións.
A primeira intervención será este mércores 22, ás 13 horas, na sala de presentacións do stand de Turespaña, para presentar unha ponencia sobre o termalismo en España, con referencias a Galicia e á provincia de Pontevedra, dentro dun acto promovido pola Federación Española de Municipios e Provincias baixo o título de 'Proxectos de Experiencias da FEMP: Vilas Termais e Spain Convention Bureau'.
Cubela achegará aos representantes dos principais municipios de toda España con balnearios a súa visión e a súa experiencia no longo proceso de recuperación e posta en valor dos Baños de San Xusto e achegará as principais liñas de actuación e promoción que o termalismo en Pontevedra está poñendo en marcha para ser un dos motores fundamentais da oferta turística de Galicia e da provincia.
Xa na sesión da tarde, na compaña do presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presentará ante os touroperadores e profesionais do sector a Vía Mariana.
Nesta intervención, porá de manifesto a importancia deste tipo de iniciativas para dinamizar o turismo rural a través das vías complementarias do Camiño de Santiago.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade tamén aproveitará a súa estancia en FITUR para promover a imaxe turística do municipio, as actuacións realizadas no municipio para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e histórico e visibilizar a ampla e variada oferta gastronómica e hostaleira que presenta o municipio.