Cerdedo estrea o seu renovado edificio municipal

Cerdedo-Cotobade
14 de novembro 2020

Nestes traballos de remodelación investíronse 45.000 euros. Executounos a empresa Pablo Moreiras, unha das catro firmas locais que o Concello incluíu no procedemento de contratación. A actuación consistiu en darlle unha maior funcionalidade e comodidade de acceso ao edificio

Edificio municipal de Cerdedo
Edificio municipal de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Que todos os veciños puideran efectuar calquera consulta ou trámite administrativo nas mellores condicións posibles. Ese era o obxectivo das obras de remodelación que se realizaron na sede administrativa municipal de Cerdedo.

Nestes traballos investíronse 45.000 euros. Executounos a empresa Pablo Moreiras, unha das catro firmas locais que o Concello incluíu no procedemento de contratación.

A actuación consistiu en darlle unha maior funcionalidade e comodidade de acceso ao edificio

Así, entre outras cousas, creouse unha gran rampla exterior cunha pendente suave e fixéronse pequenas obras na entrada co obxectivo de que poidan acceder ao edificio as persoas en cadeira de rodas ou con dificultades de mobilidade.

Ademais, tamén se cambiou o tellado que presentaba, por un lateral, pequenas filtracións de auga procedente da choiva que chegaban ata a cámara de protección e xeraban humidades. Aproveitando este traballo tamén se revisou toda a cuberta e se arranxaron varios estragos.

O proxecto de remodelación completouse coa renovación de parte das infraestruturas do servizo de fontanería, que comezaban a quedarse obsoletas tras décadas de uso e precisaban de materiais máis modernos.

O alcalde, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción pola "rapidez, profesionalidade e calidade " dos traballos realizados pola empresa de Cerdedo que gañou o concurso.

Estas obras permiten, segundo o rexedor, corrixir as eivas de accesibilidade do edificio e permitir que a sede administrativa de Cerdedo "estea aberta para todos".