A veciñanza de Cerdedo terá a oportunidade de participar nunha formación aberta e gratuíta en primeiros auxilios organizada polo alumnado do Ciclo Medio de Emerxencias Sanitarias do CIFP Ánxel Casal da Coruña.
A iniciativa xorde a raíz da situación sanitaria que vive o municipio, que continúa sen contar cunha ambulancia con base no Punto de Atención Continuada (PAC), malia as reiteradas peticións da Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública.
Segundo lembra a plataforma, hai dous anos representantes do colectivo reuníronse coa xerente do 061, Adriana Regueira, para reclamar este servizo. Argumentaban entón que na área da Terra de Montes se realizan entre 900 e 1.000 traslados anuais en ambulancia, unha cifra que consideran suficiente para xustificar a existencia dunha unidade medicalizada propia.
Nos últimos tempos, denuncian, rexistráronse casos graves nos que pacientes tiveron que agardar máis dunha hora para ser trasladados dende os seus domicilios ata o centro de saúde de Cerdedo ou o servizo de urxencias do Hospital Montecelo, en Pontevedra.
A proposta formativa naceu grazas á implicación da enfermeira Loyola Silva Fernández, natural da Estrada e actualmente docente no CIFP Ánxel Casal.
A profesora decidiu presentar ao seu alumnado a posibilidade de organizar unhas xornadas prácticas en Cerdedo como resposta solidaria á situación descrita pola plataforma.
A formación, que se desenvolverá entre os meses de maio e xuño de 2026, contará tamén coa colaboración da Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias de Galicia.
As sesións estarán dirixidas a toda a poboación da Terra de Montes e teñen como obxectivo proporcionar coñecementos básicos de actuación ante urxencias médicas, especialmente nun contexto onde a resposta sanitaria non é inmediata.
Desde a Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública expresaron o seu agradecemento á docente, ao seu alumnado e á asociación profesional polo seu compromiso, e agardan que o Concello de Cerdedo-Cotobade colabore cedendo un espazo axeitado para desenvolver as actividades.
O colectivo lembra que todos os grupos políticos municipais aprobaron por unanimidade no verán de 2023 apoiar a demanda dunha ambulancia con base en Cerdedo, pero ata o momento non se materializou ningunha mellora neste servizo.
A plataforma adianta que continuará coa súa reclamación e prevé reunirse proximamente tanto co alumnado como coa asociación de técnicos de emerxencias para seguir avanzando neste proxecto de colaboración.