Cermi, Cruz Vermella e Cáritas reciben 48.000 máscaras protectoras para as persoas vulnerables

Pontevedra
30 de novembro 2020
Actualizado: 14:47

A Subdelegación do Goberno repartiu xa case un millón de máscaras entre as persoas máis desfavorecidas da provincia desde o inicio da pandemia. A subdelegada Maica Larriba supervisaba este luns o dispositivo de distribución do material entre as ONGs da provincia

Visita da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, ao dispositivo de entrega de 48.000 máscaras protectoras
Visita da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, ao dispositivo de entrega de 48.000 máscaras protectoras / Mónica Patxot

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, participaba este luns no dispositivo de entrega de 48.000 máscaras protectoras ás entidades sociais da provincia para que se repartan entre a poboación máis vulnerable.

As Ong que recibían este material de protección foron Cruz Vermella, Cáritas e Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade). Estes colectivos encargaranse de distribuír entre as persoas máis desfavorecidas da provincia as máscaras para facer fronte á pandemia. José Luis Doval, responsable do Banco de Alimentos de Pontevedra tamén acudiu ao dispositivo ao recibir material da partida de Cruz Vermella. 

A subdelegada sinalou que con esta entrega materialízase, de novo, o compromiso e a colaboración do Goberno con axentes sociais para non deixar a ninguén atrás. Destacou o traballo exemplar destas institucións polo seu labor desde o comezo da crise sanitaria.

Ademais, os 61 municipios da provincia de Pontevedra contarán con 144.000 máscaras para a súa distribución a través dos servizos sociais coincidindo co inicio das festas do Nadal e tamén coa intención de atender ás familias con máis necesidades.

A Subdelegación do Goberno repartiu 192.000 máscaras en toda a provincia neste novo dispositivo, o quinto desde o comezo da pandemia. Desta cantidade, 48.000 serán repartidas polas Ong e 58.000 pola  Deputación de Pontevedra a aqueles  concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes. Entre os  concellos con máis poboación, Vilagarcía de Arousa recibirá 6.000 máscaras; 13.000, o  municipñio de Pontevedra e Vigo chegará ás 45.500.

Deste xeito, o tenente de alcalde de Pontevedra Tino Fernández e o concelleiro de Benestar Social Marcos Rey tamén se desprazaban ata o Parque Móbil do Estado para conversar con Maica Larriba e supervisar a recollida desas 13.000 mascarillas de protección que o Estado, a través da Subdelegación do Goberno, puxo a disposición do Concello de Pontevedra para repartir entre os colectivos con máis dificultades. O material recibido, organizado en packs de 50 unidades, coa intención de que se reparta canto antes.

A cifra de máscaras repartidas na provincia durante estes meses achégase a un millón de pezas, segundo anuncia a Subdelegación do Goberno.