César Portela distinguido coa Medalla de Ouro da Arquitectura 2023

Pontevedra
23 de xuño 2023

A entrega da distinción tivo lugar este xoves no Museo do Prado, no transcurso da gala dos Premios Arquitectura que promove o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España 

César Portela distinguido coa Medalla de Ouro da Arquitectura 2023
César Portela distinguido coa Medalla de Ouro da Arquitectura 2023 / CSCAE

O Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España entregou este xoves ao arquitecto pontevedrés César Portela Fernández-Jardón a Medalla de Ouro da Arquitectura.

Trátase dun recoñecemento á súa traxectoria profesional. 

César Portela recibiu a prestixiosa medalla de mans de David Lucas Parrón , secretario de Estado de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.

"Este premio es un estímulo, una satisfacción enorme pero también un reto y una obligación de trabajar y hacer las cosas cada día mejor", dixo o arquitecto pontevedrés.

O Museo do Prado acolleu este acto no que se entregaron nove Premios de Arquitectura.

No caso de César Portela, o xurado valorou a "solidez" da súa traxectoria profesional, que lle converteu nun "referente galego para novas xeracións de arquitectos tanto na arquitectura como no urbanismo". Ademais o fallo destaca o labor do "arquitecto localista que supera o seu ámbito natal para proxectarse internacionalmente".

"A súa obra serviu e serve de inspiración para todos os arquitectos galegos e esta medalla é un recoñecemento a toda unha vida dedicada á arquitectura e á profesión. Desde o seu estudo nunha cidade pequena como Pontevedra, conseguiu ser un referente na arquitectura internacional, con obra presente en Andalucía, Cataluña, País Vasco, Valencia e en países como Xapón, Venezuela, Cuba, Alxeria e Exipto", sinalou a decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, integrante do xurado

Destacou que a súa obra abarca diferentes escalas, "desde pequenas intervencións realizadas con gran coidado e respecto ao patrimonio construído e a contorna natural no que se enclava, ata os grandes edificios dotacionais nos que se combina arquitectura, construción e o emprego de novas tecnoloxías".

O xurado que decidiu a concesión da Medalla de Ouro da Arquitectura a Portela conformárono tamén o vicepresidente segundo do CSCAE, Moisés Castro Oporto; o decano do colexio de arquitectos de Ceuta, José Daniel Moya Enríquez; a tesoureira do CSCAE, María José Peñalver; a arquitecta Sol Madridejos; o xornalista e crítico de arquitectura Llàtzer Moix; e o secretario xeral do CSCAE, Laureano Matas.

Na dilatada traxectoria de Portela destacan obras como a Estación de Autobuses de Córdoba que lle valeu en 1999 o Premio Nacional de Arquitectura, a Estación Central de Valencia, o Museo de Historia Natural de Galicia, o Palacio de Congresos e o Edificio Domus na Coruña, o Cemiterio Municipal de Fisterra, a Estación de Ferrocarril de Cádiz, o Palacio Auditorio Mar de Vigo e a Terminal do Aeroporto desta cidade, o Museo Etnográfico de Togamura en Xapón, e a Torre de Control Sharm O-Sheik, en Exipto, entre outras.

Tamén proxectou intervencións no espazo público como o Plan Director do Cabo Fisterra, a rehabilitación da Isla San Simón ou o Plan Especial de intervención no Pazo de Oca e a súa contorna, recoñecido, en 1981, co Premio Nacional de Urbanismo.