O salón de plenos de Vilaboa enchíase de público ás 13.30 horas deste sábado para asistir ao acto de investidura de César Poza como o primeiro alcalde do Partido Socialista que logra a maioría absoluta na historia da democracia neste municipio.
O alcalde afirmaba que "non hai maior orgullo que ser alcalde do teu pobo e eu hoxe podo dicilo ben alto e ben grande, son alcalde de Vilaboa". Con estas palabras tras tomar o bastón demando, César Poza, de maneira emotiva, sinalaba que chegou ao cargo case por casualidade e agora recoñecía que liderará un goberno con capacidade plena que "non penso usar como un arma senón que será a ferramenta para gobernar para todas e todos os vilaboeses".
Pediu á oposición para realizar un traballo conxunto polo ben do municipio coas seguintes palabras: "como dixo Ivy Taylor, primeira muller negra alcaldesa de San Antonio en Texas, anque teñamos diferentes perspectivas, sempre poderemos encontrar un terreo común no noso compromiso de servizo público".
Poza recoñeceu que non é unha persoa de protagonismo nin de personalismos e que buscará os acordos e consensos polo que tendeu a súa man aos outros grupos da corporación para chegar a entendementos durante este mandato.
Explicou que ten as "ideas claras" para levar a cabo un camiño "con paso firme" escoitando a toda a poboación e sen mirar "a quen vota cada un". Tamén fixo referencia aos anos nos que estivo na alcaldía coincidindo coa pandemia e coa guerra de Ucraína destacando que o próximos catro anos serán os que establezan as bases da "futura Vilaboa" co desenvolvemento do Plan Xeral, o inicio da senda do litoral e a mellora de todos os servizos municipais co obxectivo de crecer como Concello.
Finalizou a súa intervención agradecendo ás persoas que forman parte da súa candidatura, ao equipo de goberno, á súa familia, especialmente ao seu avó "que estaría máis que orgulloso" e "a Lupe, polo seu apoio incondicional, todo ou meu amor e agarimo para eles", concluíu César Poza.
A corporación municipal de Vilaboa para este mandato estará conformada por sete concelleiros socialistas; cinco do Partido Popular que terá como portavoz a Alberto Acuña, e unha concelleira do BNG, Teresa Carro.