Cespa comezará a encargarse das zonas verdes da cidade antes de que acabe o mes

Pontevedra
06 de outubro 2015

O Concello espera que este novo contrato supoña unha "mellora importante" no coidado das 88 hectáreas que deberán coidar os operarios da empresa, xunto cos 120.000 metros cadrados a maiores ofertados como mellora durante a licitación

Un dos xardíns que existen en Pontevedra
Un dos xardíns que existen en Pontevedra / Mónica Patxot

Tras presentar a documentación requirida e liquidar certos reparos técnicos, Cespa é xa de forma definitiva a empresa adxudicataria do servizo de coidado e conservación de xardíns e zonas verdes de Pontevedra.

A intención do goberno municipal é que a empresa se faga cargo do servizo para partir do 15 de outubro, aínda que posibles reclamacións das demais firmas licitantes poderían atrasalo ata final de mes.

En concreto, Cespa asumirá este servizo o próximos catro anos (prorrogables dous máis) e cobrará anualmente 613.750 euros, IVE incluído.

O Concello espera que este novo contrato supoña unha "mellora importante" no coidado das 88 hectáreas que deberán coidar os operarios da empresa, xunto cos 120.000 metros cadrados a maiores ofertados como mellora durante a licitación.

Segundo Luís Bará, responsable de Parques e Xardíns, ao goberno municipal úrxelle que entre a traballar a empresa porque a plantación de especies de tempada e novas árbores está paralizada actualmente, á espera da firma do contrato.

PP PIDE INFORMACION SOBRE CESPA

Ao fío desta adxudicación, o Partido Popular afirmou que o goberno de Fernández Lores debe ofrecer explicacións "claras e contundentes" acerca da súa vinculación cos enfuches de traballadores en Cespa, nos que segundo os informes policiais, actuarán como mentores varios membros do goberno municipal. 

Juan Luís Martín pregúntase se esta situación pode ter relación coas dúas prórrogas "tan generosas" concedidas a esta empresa en 2011 e 2014 no contrato de limpeza viaria e recollida de lixo. Os populares denuncian que os nacionalistas"solo reaccionan cuando la justicia está por medio" e lamentan que o nome de Pontevedra "se manche" por este tipo de cuestións.