Chamada á cidadanía para limpar o plástico nas praias de Poio

Poio
23 de novembro 2023

O punto de encontro será ás 9.00 horas na contorna do campo de fútbol da Reiboa e, segundo o número de voluntarios, organizaranse grupos de traballo polas diferentes praias coordinados por Protección Civil

Presentación da Xornada de voluntariado para limpar o plástico nas praias de Poio
Presentación da Xornada de voluntariado para limpar o plástico nas praias de Poio /

O Concello de Poio organiza este sábado día 25 unha xornada de voluntariado para limpar os plásticos nas praias do municipio. 

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, e de representantes de Protección Civil, achegáronse á praia de Campelo para animar á participación da familias de Poio e tamén do sector do mar nesta actividade. 

"Hai zonas no paseo que están cheas de plásticos e de residuos que chegaron cos temporais. Desde o Concello de Poio levamos tres semanas traballando con maquinaria pesada para retirar as algas e os troncos dos areais, pero preocúpanos todos os plásticos que están chegando á nosa costa. Queremos evitar que eses plásticos, altamente contaminantes, volvan ao mar", explicou Moldes.

O punto de encontro será ás 9.00 horas na contorna do campo de fútbol da Reiboa, onde se celebran as fogueiras de San Xoán, e a partir de aí, segundo o número de voluntarios, organizaranse grupos de traballo polas diferentes praias entre o paseo de Ostreira, ata Campelo, Cabeceira e Lourido. 

Estes grupos estarán coordinados por Protección Civil de Poio, a quen o alcalde agradeceu a súa implicación. A xornada de limpeza organizarase ata aproximadamente as 12.00 horas, condicionados polas mareas. É necesario levar botas e guantes.

Esta actividade organízase, ademais, coincidindo coa Semana europea da prevención de residuos. 

Moldes sinalou que estas xornadas serán importantes para evitar que os plásticos volvan ao mar, "pero tamén para concienciar e facernos reflexionar sobre o dano que as nosas accións están provocando no medio". 

"A colaboración entre todos é fundamental para limpar o noso litoral, sobre todo o plástico. Ten efectos devastadores sobre o noso marisqueo, as nosas praias e o medio ambiente", destacou o alcalde de Poio.