Chamado da CIG para a mobilización do un de maio "laboral pero tamén con compoñente social"

Pontevedra
20 de abril 2022

Como preámbulo á gran mobilización que a CIG ten programada para o vindeiro Día Internacional da Clase Traballadora, membros do sindicato concentráronse este 20 de abril ás portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reiterar a súa reclamación de "políticas públicas e salarios dignos contra a pobreza"

Concentración do sindicato CIG animando a secundar a mobilización do vindeiro 1 de maio PontevedraViva

Como preámbulo á gran mobilización que a Confederación Intersindical Galega (CIG) ten programada para o vindeiro Día Internacional da Clase Traballadora, membros do sindicato concentráronse este 20 de abril ás portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reiterar a súa reclamación de "políticas públicas e salarios dignos contra a pobreza".

Marcos Conde, o secretario comarcal da CIG en Pontevedra, facía un chamado, micrófono en man, para que tanto traballadores e traballadoras como a cidadanía en xeral secunden a marcha que partirá o 1 de maio ás 11:30 horas da praza da Ferrería.

"Este primeiro de maio non é só unha reivindicación laboral senón que tamén ten unha compoñente social porque cando estamos falando de que o IPC vai no seis e medio evidentemente pedimos que os salarios se incrementen en esa proporción. Nós o que estamos dicindo é que aquí faltan unha serie de políticas que van desde a financeira ata a fiscal", manifestaba Marcos Conde en declaracións a PontevedraViva.

No caso das políticas financeiras, desde o sindicato CIG demándase a creación dunha banca pública. As reclamacións en canto ás políticas fiscais refírense a unha reformulación da recadación vía impostos. 

"Nós estamos a favor de que aumenten os impostos. Os impostos teñen que aumentar dunha forma progresiva e sobre todo que os que máis teñen paguen máis impostos. Non pode seguir sendo, e todos o sabemos perfectamente, que unha grande empresa ou unha gran corporación paga moitos menos impostos que calquera traballador, e o exemplo claro é o das eléctricas", expón o secretario comarcal da CIG.

Con esta "previa ao un de maio", o sindicato quere transmitir a mensaxe á poboación de "teñan a certeza de que a única vía de conseguir recuperar o poder adquisitivo perdido, recuperar dereitos e gañar e avanzar é na rúa".

O sindicato CIG desvincúlase e critica os pactos acadados por outras centrais sindicais en cuestións como as pensións, a negociación colectiva ou a mesa dos salarios, onde non se ofrecen saídas dignas para a cidadanía. Neste sentido, Marcos Conde lanza unha pregunta para a reflexión e argumenta sobre a importancia da loita sindical da CIG.

"Mentres que en Galiza os salarios no último ano subiron un 5,7, na media do Estado subiron o 1,5, cal é a diferenza que hai? Pois hai que dicilo así: aquí confrontamos e non nos conformamos nin toleramos miserias, e cando hai que chamarlle a alguén explotador hai que chamarllo e non pasa nada, porque se non a alternativa que temos é ser sumisos e ser escravos, que é o novo tipo de traballador de agora, que por moito que traballes non podes chegar a final de mes, que non che dá para pagar a hipoteca, que non che dá para facer unha compra decente, que non che dá para o gasoil ou a electricidade... e nós contra iso témonos que rebelar", remata o sindicalista da CIG.