Chamamento social da CIG a participar na Marcha do 1º de Maio porque "a clase traballadora vive na pobreza"

Pontevedra
28 de abril 2022

O acto vai desenvolverse o domingo 1 de maio ás 11.30 horas cunha mobilización que comezará na Praza da Ferrería e rematará na Praza do Teucro. Marcos Conde, secretario comarcal do sindicato nacionalista; e Marta Ferreiro, da executiva, alertaron este xoves das condicións laborais da poboación en Galicia. Demandan aos gobernos accións para fortalecer os servizos públicos e unha política fiscal progresiva na que pague máis o que máis gaña

Preocupación ante a situación de pobreza entre a clase traballadora en Galicia /
Marcos Conde e Marta Ferreiro, da CIG
Marcos Conde e Marta Ferreiro, da CIG

Este domingo 1 de maio, a CIG conmemorará o Día Internacional da Clase Traballadora cunha mobilización ás 11.30 horas. A protesta iniciarase na praza da Ferrería para finalizar na praza do Teucro. Marcos Conde, secretario comarcal do sindicato nacionalista; e Marta Ferreiro, integrante da executiva, presentaron neste xoves este acto reivindicativo para denunciar a pobreza que sofre a poboación en Galicia e demandar políticas públicas e salarios dignos.

Marcos Conde fixo un chamamento á cidadanía para participar na marcha porque a clase traballadora atravesa unha situación preocupante. O representante sindical indicou que "hai xente que vive nun limbo ao pensar que é clase media pero o 20% da poboación é pobre", manifestou sinalando que unha parte da poboación traballadora en Galicia gaña menos de 7.600 euros anuais e 50.750 fogares da comunidade teñen a todos os integrantes en paro, unha cifra que segue aumentando e que simboliza o feito de que "a pobreza existe",

Desde a CIG lembran que ter un traballo actualmente non é garantía dun salario que permita aforrar e menos "coa capacidade de aforrar que tivo Felipe VI, en 10 anos, con dous millóns e medio de euros gañando 260.000. Na gran maioría de casos non temos a posibilidade de chegar a fin de mes nada máis que co posto", denuncia Conde expoñendo que as políticas neoliberais dos últimos anos impiden que se poida aforra nin afrontar gastos extraordinarios. "A precariedade está instaurada", conclúe.

Marta Ferreiro facía unha defensa do fortalecemento dos servizos públicos porque nos últimos anos detectan un desmantelamento xeral con perda tamén do poder adquisitivo do persoal. En Galicia, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, a perda de poder adquisitivo desde 2010 ata a actualidade se eleva a un 18%.

Recoñece que a este problema se suma que persoal altamente cualificado da administración sofre contratos laborais de días e mesmo de horas. "A precariedade veu para quedar", lamentou Ferreiro aludindo a que o desmantelamento da sanidade pública, do ensino público e doutros servizos inflúe nas condicións de vida da poboación en xeral.

Marta Ferreiro, da CIG: "A precariedade veu para quedarse"

Desta forma, Marcos Conde apuntaba a que non se están a dar incapacidades a traballadores con longas baixas laborais por cuestións de saúde. Denunciaba que hai empregados con tratamento de cancro e que se atopan próximos á idade de xubilación aos que se lles ordena a reincorporación ao traballo. 

Ante esta situación demandan aos gobernos un control dos prezos da electricidade e do gas, control da inflación, creación de empresas públicas e regulación da fiscalidade, de maneira que pague máis o que máis gana."É desolador cando miras que hai xente que se alegra de que lle devolvan no IRPF. Deberías estar contento de ter que pagar moito porque iso significa que tes capital", explicaba Conde en relación á proposta de baixada de imposto que realiza o Partido Popular. "Calquera traballador paga máis impostos que calquera gran empresa", afirma o representante da CIG na comarca.

Indican que desde esta central non están dispostos a asinar convenios sen que se garanta o poder adquisitivo, acusando a outros sindicatos estatais de pactar a rebaixa das pensións ou da conxelación dos salarios na Función Pública. "Hai cómplices", acusou, lembrando que seguen a aumentar os despedimentos nas empresas porque o despedimento "segue  sendo libre".  "O nivel de pobreza é máis alto do que cremos nós mesmos. Cremos na burbulla que nos rodea de maneira inconsciente e non somos críticos", indicou Marcos Conde reclamando mobilización social este 1º de Maio.