Chamamento do PP desde Pontevedra aos indecisos para que "se vaya el señor Sánchez y todos sus aliados"

Pontevedra
21 de xullo 2023

Alfonso Rueda cre que o feito de que na recta final desta campaña volvese á actualidade a relación de Marcial Dorado con Alberto Núñez Feijóo, "evidencia a desesperación" do PSOE. Está convencido de que nas horas que quedan de campaña, os socialistas "tentarán calquera cousa ou xerarán calquera polémica" para danar as expectativas do PP

Paseo de fin de campaña de Alfonso Rueda e cargos do PP por Pontevedra
Paseo de fin de campaña de Alfonso Rueda e cargos do PP por Pontevedra / Cristina Saiz

Cun paseo por Pontevedra, liderado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o PP pechou a súa campaña electoral para as eleccións do próximo domingo. Fixérono, ademais, apelando directamente ao voto dos indecisos, daqueles "que aún no saben a quién votar".

Así o fixo a candidata ao Congreso pola provincia, Ana Pastor, que ve a Núñez  Feijóo, como a "única alternativa" para que España experimente "el cambio que necesita" e que a "única papeleta" que garante que "se vaya el señor Sánchez y todos sus aliados" é a do PP.

"Somos la garantía de una España unida, en la que no se generen bloques ni extremos y en la que haya concordia, libertad y progreso", sostivo a candidata popular.

Durante o paseo, que comezou ante o auditorio de Afundación e discorreu polas rúas máis céntricas da cidade, Rueda quixo agradecer ao seu predecesor que elixise Galicia para abrir e pechar a súa campaña -hoxe cun mitin na Coruña-.

Aquí, ademais de sentirse "arroupado", cre que Núñez Feijóo "sabe ou presente" que o PP logrará un "magnífico" resultado e que o PP gañará as eleccións "amplamente".

Farao, segundo o líder do PP galego, a pesar de que na recta final desta campaña volvese á actualidade a relación de Marcial Dorado con Alberto Núñez Feijóo, o que a xuízo de Alfonso Rueda "evidencia a desesperación" do PSOE.

"Calquera cousa válelles xa. Todos son cravos ardendo aos que agarrarse", afirmou o presidente do PPdeG, convencido de que nas horas que quedan de campaña, os socialistas "tentarán calquera cousa ou xerarán calquera polémica" para danar as expectativas do PP.

Están a facelo, engadiu Alfonso Rueda, para "diminuír o sentimento que eles teñen tamén" ao estar Pedro Sánchez nas últimas horas "falando xa de remontada", cando "só hai que saír á rúa para ver que todo indica que terá unha derrota severa".