Chega á Ferrería a campaña de doazón de órganos e sangue 'Somos olímpicos' con camisetas de agasallo

Pontevedra
30 de xullo 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desenvolve este mércores 31 de xullo a iniciativa que pretende sensibilizar a cidadanía galega sobre a importancia de doar sangue durante os meses de verán

Unidade móbil de ADOS para a doazón de sangue
Unidade móbil de ADOS para a doazón de sangue / ADOS

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) permanecerá este mércores 31 estacionada na contorna da Ferrería.

Ao seu lado instalarase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos e todas as persoas que doen sangue recibirán, como agasallo, unha camiseta co lema da campaña.

Trátase dunha iniciativa dentro da campaña 'Somos Olímpicos', na que se quere sensibilizar á cidadanía da importancia de doar sangue durante os meses de verán.

Lembran que durante este período estival existen dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para continuar cos labores asistenciais nos hospitais galegos.

Todos os días precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue. 

As vacacións de verán provocan que os doantes habituais se trasladen a outros puntos e é necesario reforzar o chamamento solidario.

Na Ferrería o horario en que o persoal de ADOS atenderá ás persoas que se acheguen á unidade móbil será de 09.30 a 14.30 e desde as 15.30 ata as 21.00 horas.

En 2023, Pontevedra foi a segunda das grandes cidades galegas cun maior índice de doazóns, con 48 por cada 1.000 habitantes e ano. 

ADOS recoñece o altruísmo e a solidariedade da poboación pontevedresa e da corporación municipal polo seu apoio a estas iniciativas.

A Axencia de Doazón ten o teléfono gratuíto de información 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue.