Chega a primeira festa do ano: a lacoada de San Sebastián

Pontevedra
09 de xaneiro 2020

A cita gastronómica terá lugar na fin de semana do 18 e 19 de xaneiro, coincidindo coa festividade do patrón da cidade do Lérez

Lacón con grelos
Lacón con grelos / Juan Mejuto

O Centro Comercial Urbano Zona Monumental organiza unha nova lacoada de San Sebastián, despois do éxito colectado nas anteriores edicións.

A cita gastronómica terá lugar na fin de semana do 18 e 19 de xaneiro, coincidindo coa festividade do patrón da cidade do Lérez.

Hai máis de cinco séculos que a cidadanía da Boa Vila se comprometeu a dedicar o día 20 de xaneiro a San Sebastián, patrón dos comerciantes e viñateiros de Pontevedra. Esta festividade, preludio do Entroido, era celebrada tradicionalmente con comidas contundentes para combater o frío e era considerada a "primeira festa do ano".

Esta lacoada ofrece a todos os pontevedreses a oportunidade de gozar dunha xornada festiva e continuar con esta tradición.

Dende Zona Monumental anuncian que aqueles hostaleiros que o desexen poderán ofrecer no seu menú ou carta lacón con grelos, chourizo e patacas ou tamén poden ser servidos como pincho ou tapa.

Os hostaleiros que desexen participar poderán facelo sen custo algún para eles, unicamente é necesario comunicalo o Centro Comercial Urbano Zona Monumental antes do sábado 11 de xaneiro enviando unha mensaxe por WhatsApp ao número de teléfono 685896569 o remitindo un correo electrónico a [email protected]

Acompañando a lacoada, tamén haberá animación e música polas rúas do centro histórico. Ademais, este evento contará con publicidade na cal se publicarán os establecementos participantes.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora