Chegan catro meses e medio de visitas guiadas ás ruínas de San Domingos

Pontevedra
31 de maio 2023

Desde o 1 de xuño ata o 15 de outubro, o Museo de Pontevedra pon en marcha estas visitas guiadas, que serán todos os xoves ás 12:00 horas. Será un percorrido de 30 minutos de duración no que se explica a historia e o valor patrimonial do edificio e as pezas expostas

Ruínas de San Domingos
Ruínas de San Domingos / Mónica Patxot

Este xoves 1 de xuño ábrense catro meses e medio nos que a cidadanía poderá coñecer as as ruínas de San Domingos a través de visitas guiadas.

Desde o 1 de xuño ata o 15 de outubro,  o Museo de Pontevedra pon en marcha estas visitas guiadas, que serán todos os xoves ás 12:00 horas.

A cargo do equipo de Educación do Museo, o servizo propón un percorrido de 30 minutos de duración no que se explica a historia e o valor patrimonial do edificio e das pezas expostas.

As visitas son de balde e non é necesaria a inscrición previa

Este ano, as ruínas de San Domingos abriron as súas portas ao público o 1 de abril e permanecerán abertas ata o 31 de outubro.

O horario de apertura é de martes a sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. Os domingos e festivos abren só de mañá e os luns permanecen pechadas. 

En 2022, un total de 111.662 persoas visitaron as ruínas de San Domingos, o que supón unha media de 13.958 visitantes cada mes. Foi o ano cun maior número de visitantes desde o 2011.

As ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade e un dos sete edificios que forman o Museo de Pontevedra, tras a incorporación do convento de Santa Clara. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.