Chegan cen novos contratos ao abeiro do Plan Concellos

Umia
17 de febreiro 2017

A Deputación de Pontevedra leva investidos en menos dun mes máis de 4,7 millóns de euros, máis do 50% da liña 3 do Plan Concellos, o que supón un total de 611 persoas empregadas en 35 concellos da provincia

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a quinta concesión, nesta ocasión por un total de 887.770,40 euros, no marco da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017. Entre outros beneficiarios atópanse os concellos de Caldas de Reis e Cambados.

En concreto, Caldas de Reis recibirá 156.495,17 euros para a contratación de 10 persoas e Cambados un total de 207.565,98 euros dirixidos a 30 traballadores.

Con estas cinco achegas, a institución provincial leva xa investidos en menos dun mes un total de 4.709.039,63 euros, o que supón case o 51% do seu total situado en 9,2 millóns de euros.

A presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou a súa satisfacción "polo avanzada que está a concesión da liña 3 do Plan Concellos", grazas á cal "a día de hoxe xa se crearon 611 postos de emprego en 35 concellos da provincia de Pontevedra" que suporán a garantía e o mantemento dos diversos servizos municipais destas vilas.