Cerdedo Cotobade acollerá os días 17 e 18 de xullo as festas de Santa Mariña do Seixo, unha celebración que encherá a comarca de diversos festexos e actividades enmarcados nun programa que foi presentado este xoves pola comisión de festas e o alcalde do municipio, Jorge Cubela.
Desde música e gastronomía até actividades relixiosas e culturais. Todo iso, explica o alcalde, como parte de "unha aposta decidida por manter vivo o rural e fortalecer a nosa identidade".
Jorge Cubela detallou a programación das festas, que arrincará este venres 17 de xullo cunha cea con callos e bocadillos quentes como principais opcións e que será amenizada por DJ Josiño.
O prato forte chega o sábado 18 cunha xornada chea de actividades. Arrincarán ás 12:00 coa Feira e Exposición do Gando e seguirán coa misa solemne que se celebrará ás 13:00 co acompañamento das gaitas de Os Abrentes de Cercedo.
Tras a súa finalización darase paso á comida popular, que comezará ás 14:30 e na que haberá empanada, callos e tamén un posto de pulpeiro.
Xa pola tarde (17:30 horas) celebrarase a xincana cabalar, un dos principais atractivos das festas que repartirá premios nas categorías adulto e xuvenil e que contará, ademais, coa ambientación musical da charanga Los Santos.
A partir da noite arrincará a verbena da man de Disco Movil Chocolate e o dúo BL Pop xunto ao sorteo dunha becerra, mentres que os máis pequenos poderán gozar de colchonetas gratuítas.
Este será o punto e final a esta edición das festas de San Mariña do Seixo.
Durante o acto de presentación, Jorge Cubela insistiu en que "as festas populares son unha parte fundamental da nosa identidade e o noso patrimonio".
Doutra banda, o alcalde mostrouse agradecido "con todas aquelas persoas que, de forma altruísta, dedican tempo e esforzo a facer dos nosos pobos lugares vivos, activos e con futuro".
Finalizou a súa intervención incidindo en que esta programación constitúe un exemplo de vitalidade do rural de Cerdedo Cotobade e de seguir impulsando eventos que favorecen a convivencia, dinamizan a economía local e reforzan o sentimento de pertenza.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.