Cheo na Praza dos Barcos para dar boa conta de tres mil racións de sardiñas

Sanxenxo
25 de agosto 2022

As festas de Sanxenxo tiveron este xoves un dos seus principais eventos, a sardiñada popular na Praza dos Barcos, na que se repartiron ata 3.000 racións de sardiñas. O municipio quixo así render homenaxe aos miles de visitantes que ano tras ano elixen esta vila turística como destino para as súas vacacións

Sardiñada popular na Praza dos Barcos
Sardiñada popular na Praza dos Barcos

As festas de Sanxenxo tiveron este xoves un dos seus principais eventos, a sardiñada popular na Praza dos Barcos, na que se repartiron ata 3.000 racións de sardiñas.

O municipio quixo así render homenaxe aos miles de visitantes que ano tras ano elixen esta vila turística como destino para as súas vacacións.

As longas colas para a degustación formaron parte da tradicional estampa dunha praza ateigada de persoas que non se quixeron perder a cita.

Persoal municipal encargouse de asar e repartir os 500 quilos de sardiñas nunha cadea en perfecto funcionamento para despachar as racións con axilidade entre os asistentes.

Neste Día do Turista tamén abriu as súas portas a feira de produtos artesáns que, con postos de distinto tipo entre complementos e alimentación, rodearon a Praza dos Barcos converténdose nun atractivo máis no espazo de degustación.

A Banda de Música de Sanxenxo, os gaiteiros e os cabezudos, pola súa banda, volveron saír á rúa contribuíndo ao ambiente festivo por toda a contorna portuaria.

A programación para este xoves complétase, ás 19:00 horas, coa misa e a procesión con tirada de lumes en honra a San Xenxo cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán.

A partir das nove da noite celebrarase o concerto da Banda de Música de Sanxenxo na Praza Pascual Veiga e, a continuación, será a verbena coas orquestras Claxxon e Marbella na Praza do Mar, onde tamén volveron as atraccións e tómbolas. 

Para mañá está prevista a actuación de Galifunk, ás 22:00 horas, na Praza dos Barcos, mientars que o sábado á mesma hora será a do grupo Cantigas e Agarimos.

Xa o domingo, ás 12:00 horas, celebrará a XXII Milla Urbana de Sanxenxo no Paseo de Silgar, proba que conta xa máis de 300 rexistrados. Pola noite, ás 21:30 horas, a Praza dos Barcos acollerá un concerto de María do Ceo.