Cheques de 100 euros para as familias de Ponte Caldelas con poucos recursos

Ponte Caldelas
03 de novembro 2022

As solicitudes deben facerse, previa cita, no departamento de Servizos Sociais. Poden gastarse en alimentos e produtos de hixiene de primeira necesidade

Andrés Díaz sinala as novas placas coa numeración das vivendas
Andrés Díaz sinala as novas placas coa numeración das vivendas / Concello de Ponte Caldelas

As familias empadroadas e residentes en Ponte Caldelas con poucos recursos teñen aberto o prazo para solicitar os cheques de axuda para compra de comida e produtos de primeira necesidade. 

O Concello vai entregar cheques de 100 euros para gastar en Supermercados Froiz, que as familias beneficiarias poderán canxear en alimentos de primeira necesidade e tamén en produtos básicos de hixiene persoal e doméstica.

A entrega da documentación para realizar a solicitude debe facerse nos Servizos Sociais do Concello e só poderán acollerse aquelas familias que entran dentro do Baremo Económico do Regulamento de Emerxencia Social Municipal. Hai que aportar documentación de toda a unidade de convivencia e os cheques iranse entregando por orde de solicitude, sempre e cando se cumpran todos os requisitos.

"Axudar ás veciñas e veciños do municipio con poucos recursos é algo imprescindible", sinalan dende o Goberno local "por iso, ano a ano, o Concello de Ponte Caldelas trata incrementar esta partida".

INSTALACIÓN DA NUMERACIÓN

Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas iniciou a instalación da numeración en todas as vivendas do municipio, unha iniciativa que homexeneizará a sinalización dos fogares e que, ó mesmo tempo, facilitará notablemente a labor do servizo de Correos e das empresas de paquetería e de reparto a domicilio.

O alcalde, Andrés Díaz, destaca o intenso traballo dos últimos meses para facer realidade esta iniciativa que sinalizará as máis de 3.000 viviendas do municipio. As placas están confeccionadas en material resistente á chuvia e teñen un tamaño de 15x15 centímetros. Contan cun moderno deseño no que o fondo de cor mostaza se combina con números en cor blanca e letras en azul. En cada placa figurará o número da vivendas, a aldea na que se ubica e o escudo do Concello de Ponte Caldelas.

Os traballos comezaron polo lugar de O Ramís, na parroquia de Anceu, e a sinalización realizarase de xeito ininterrumpido en todas as vivendas de Ponte Caldelas. A empresa instaladora acordará con cada propietario a ubicación da placa.