Chini deixa atrás o maltrato e xa ten unha nova familia

O Salnés
12 de maio 2018

Chini, unha das cadelas desnutridas atopadas nunha incautación en Soutomaior en xuño do pasado ano 2017 e que fora trasladada ao Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN) da Deputación de Pontevedra, vén de atopar unha nova familia grazas á colaboración da asociación protectora Adopciones Galicia co centro da Armenteira

A cadela Chini foi adoptada por unha nova familia
A cadela Chini foi adoptada por unha nova familia / CAAN

Chini, unha das cadelas desnutridas atopadas nunha incautación en Soutomaior en xuño do pasado ano 2017 e que fora trasladada ao Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN) da Deputación de Pontevedra, vén de atopar unha nova familia grazas á colaboración da asociación protectora Adopciones Galicia co centro da Armenteira.

A cadela marchará para o concello de Oleiros onde a espera unha nova etapa na que, deixando atrás a súa historia de maltrato, convivirá con outras dúas cadelas adoptadas polos seus donos noutras protectoras coruñesas.

A historia de Chini e dos 14 animais que estaban con ela conmoveu a todo o que a escoitou hai un ano: vívía nun estado lamentable con pésimas condicións hixiénico-sanitarias nunha finca de Soutomaior. Alí tamén se atoparon os cadáveres doutros tres cans. As forzas de seguridade tiveron que intervir pola situación e detiveron ao seu propietario, un home de 42 anos que foi acusado dun delito continuado de maltrato animal.

Todos os cans foron trasladados ao CAAN da Armenteira e, pouco a pouco, foron atopando novas familias. Chini foi a última que quedou no centro e Adopciones Galicia involucrouse na busca dunha familia para ela dende o mes de xaneiro.

Ao CAAN Chini chegara con sarna e moi delgada debido á súa mala alimentación e estado de abandono. De feito, como consecuencia diso, fáltanlle case todos os dentes, o que dificultou a determinación da súa idade, que se calculou ao redor de seis anos. A cadela tamén lle falta un ollo pero non lle supón ningún problema para facer a súa vida normalmente.