Un choque en cadea deixa sen luz a dúas vivendas en Sanxenxo

Sanxenxo
08 de agosto 2025
Actualizado: 10:45

O condutor dun vehículo golpeou durante unha manobra de marcha atrás a un coche aparcado, que acabou derrubando un poste do alumeado público

Poste da luz derrubado en Sanxenxo
Poste da luz derrubado en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Un incidente de tráfico rexistrado na mañá deste venres 8 de agosto na Rúa Camiño Vello, no número 26, do Concello de Sanxenxo provocou unha interrupción do servizo de luz que afecta a dúas vivendas da zona e a un punto de luz municipal.

O sinistro produciuse cando o condutor dun vehículo realizaba unha manobra de marcha atrás e golpeou accidentalmente un turismo que se atopaba correctamente estacionado.

Como consecuencia do impacto, o coche aparcado desprazouse varios metros e acabou colidindo cun poste do alumeado público.

O forte golpe provocou a rotura do poste pola súa base, causando un corte na subministración eléctrica que, polo momento, afecta a dúas vivendas próximas e a un punto de iluminación municipal.

Afortunadamente, non se rexistraron feridos no accidente, segundo confirmaron os servizos de seguridade do Concello de Sanxenxo, que acudiron ao lugar para avaliar os danos e coordinar as tarefas de reparación.

Os servizos técnicos municipais xa foron avisados e están a traballar para realizar a reparación do poste danado e restablecer o servizo eléctrico o antes posible, minimizando así as molestias aos veciños afectados.

As autoridades locais recordan a importancia de incrementar as precaucións durante as manobras de marcha atrás, especialmente en zonas urbanas con elementos de mobiliario urbano próximos aos espazos de aparcamento.

Vehículo golpeado no accidente en Sanxenxo, que derrubou o poste
Vehículo golpeado no accidente en Sanxenxo, que derrubou o posteConcello de Sanxenxo

CAÍDA DUNHA FIESTRA

Na madrugada deste venres tamén se rexistraba outro incidente, neste caso na rúa Ramón Cabanillas de Sanxenxo, cando un veciño que limpaba unha ventá ás dúas da madrugada provocou danos en dous vehículos estacionados na vía pública.

Segundo informou o Concello de Sanxenxo, o suceso aconteceu cando o veciño, que se atopaba limpando unha ventá a unha hora pouco habitual, quitouna do seu carril e esta caeu desde a altura dun segundo piso.

No momento da caída, a ventá impactou contra dous automóbiles que se atopaban correctamente aparcados na rúa, causándolles diversos danos materiais.

Afortunadamente, malia o perigoso da situación, non se produciron danos persoais, limitándose as consecuencias aos danos materiais nos vehículos afectados.