Ciberseguridade e uso responsable da tecnoloxía para os nenos de Marín

Marín
21 de xullo 2025

A aula CeMit de Marín acollerá un campamento dixital para nenos e nenas de entre 9 e 17 anos

Renovación de ordenadores e material da Aula Cemit de Marín
Renovación de ordenadores e material da Aula Cemit de Marín / Concello de Marín

Divertirse mentres se adquiren competencias dixitais.

É o obxectivo do campamento dixital que se celebrará do 1 ao 8 e do 25 ao 29 de agosto na aula CeMit de Marín.

A formación, certificada e 100% gratuíta, diríxese a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos.

En concreto aos participantes de 9 a 11 anos ensinaráselles como detectar noticias falsas, aprender a contrastar información, crear contido e aprender a comunicarse, así como a usar ben os motores de procura, configurar un correo electrónico e crear contrasinais seguros.

Con 12 e 13 anos, os menores que acudan ao campamento tratarán o tempo que pasan fronte ás pantallas, así como o fortalecemento da privacidade nas redes sociais e como xestionar a pegada dixital.

Analizaranse ademais casos de ciberacoso e exploraranse formas de filtrar e compartir contido na web.

Por útlimo para os mozos e mozas de 14 a 17 anos os módulos incluirán formación sobre como crear o seu propio currículo, como deseñar un logotipo persoal e pór en marcha un proxecto dixital propio, como ser creador de contido e como editar vídeos con gancho.

Ademais tamén explorarán que é a intelixencia artificial e para que se pode utilizar, e ensinaráselles a crear unha web, un videoxogo ou unha aplicación.

As inscricións deben formalizarse a través da web campamentodigital.org.