A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, presentou unha proposición para que o Concello inste á Consellería de Sanidade a dotar co robot terapéutico Lokomat ao Complexo Hospitalario de Pontevedra.
O Lokomat é un robot de alta tecnoloxía que se utiliza para a rehabilitación do aparello locomotor en pacientes con parálise cerebral. En Galicia, a sanidade pública só conta con esta infraestrutura o Complexo Hospitalario de A Coruña.
Como explica Rey, o custo deste tratamento na sanidade privada "é moi elevado e os familiares dos pacientes moitas veces ven obrigados a recorrer á solidariedade dos cidadáns para poder financiar estes tratamentos". Este foi o caso de Nahir, a nena pontevedresa recentemente falecida cuxos pais promoveron, axudados pola Fundación Amigos de Galicia, a recollida de tapóns para financiar o seu tratamento.
A concelleira de Cidadáns considera que o futuro gran Montecelo debe contar con esta máquina, aínda que é "necesario dispoñer dela nun prazo menor ao previsto para as obras de ampliación do hospital". Neste sentido, Rey pide que se inclúa este equipamento no servizo de Rehabilitación, "para incrementar a calidade de vida das persoas con discapacidade e accidentadas que poidan facer uso do Lokomat".
A edila conclúe que a adquisición deste sistema por parte da Consellería de Sanidade "supoñería un gran beneficio para as persoas residentes na cidade ou fóra dela que teñan que facer uso do robot".