Un equipo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coa participación da Misión Biolóxica de Galicia, con sede na parroquia pontevedresa de Salcedo, estudará o herbario de variedades de vide de Simón de Rojas Clemente y Rubio, conservado dende hai máis de 200 anos no Real Jardín Botánico de Madrid.
José Estévez, un dos principais grupos adegueiros de Andalucía e de maior tradición en España, colabora co proxecto.
O traballo está dirixido pola investigadora do CSIC María del Carmen Martínez, responsable do grupo de Viticultura na Misión Biolóxica de Galicia, que identificará mediante técnicas ampelográficas e de ADN as variedades de vide do herbario, que se conserva dende 1802, para coñecer con exactitude cales se cultivan na actualidade e as que xa desapareceron. Xunto a este equipo participan o investigador Mauricio Velayos, do Real Jardín Botánico de Madrid, e o grupo de investigación do INRA-Montpellier (Francia), dirixido por Jean-Michel Boursiquot.
"Os datos reunidos ata o momento indican que se trata do herbario de variedades de vide cultivadas máis antigo do mundo", segundo sinala Martínez. O seguinte en antigüidade, engade, sería o que se conserva en Francia, que data de 1870.
O herbario consta de 186 pregos, e cada un inclúe as follas e brotes desecados dunha variedade concreta. Todas as mostras foron recollidas en Andalucía, gran parte en Sanlúcar de Barrameda, Trebujena e Xerez. Dende entón consérvanse no centro de investigación madrileño, xunto con máis de 1.000.000 de exemplares diferentes, que forman o maior herbario español de plantas vasculares.
Simón de Rojas Clemente foi o primeiro en aplicar o método científico ao estudo e descrición das variedades de vide cultivadas, e está considerado polo tanto o primeiro ampelógrafo do mundo. En 1807 publicou un libro, traducido a varios idiomas e imitado posteriormente por expertos de todo o mundo, no que establecía un método de descrición. "De feito, practicamente todos os parámetros que el estableceu se seguen utilizando na actualidade, xa que se recollen no código oficial para a descrición de variedades de vide, da Organización Internacional de Vide e o Viño, da que forman parte 46 países", indica Martínez.
Clemente inclúe no seu libro a descrición de gran parte das variedades conservadas no herbario, pero o seu costume de darlles nomes dedicados a autores, ou mesmo de inventalos, non permite saber con exactitude a cales podería referirse, argumenta Martínez. "Polo tanto, o feito de poder completar as descricións do libro con novos estudos ampelográficos e moleculares, directamente sobre o material do herbario, permitirá saber cales corresponden a variedades actuais, ou cales poderían ter desaparecido", explica a investigadora.
A empresa xerezana José Estévez sinala que a súa colaboración co CSIC serve para iniciar unha etapa de cooperación entras as dúas institucións, co obxectivo común de situarse á vangarda da ciencia e o viño e poñer de relevo a riqueza do patrimonio vitivinícola español. Mellorar a produtividade e a sostibilidade do sector vitivinícola andaluz son, ademais, obxectivos prioritarios para o grupo.
José Estévez, formado polas adegas La Guita, Marqués de Real Tesoro e Valdespino, é interprovedor de MERCADONA de viños de Xerez, brandies, licores e espirituosos, ademais de exportar a máis de 30 países dos cinco continentes, como Estados Unidos, Canadá, Rusia, Xapón, China, México, Reino Unido e Países Baixos, entre outros.