A CIG chama á mobilización o 8M en defensa dos dereitos laborais das mulleres

Pontevedra
06 de marzo 2025

O sindicato denuncia a fenda salarial e demanda melloras en igualdade, conciliación e condicións laborais

Manifestación da CIG polo 8M do 2024
Manifestación da CIG polo 8M do 2024 / Mónica Patxot

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca para o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, unha manifestacións que partirá ás 12:00 horas dende o edificio sindical. 

Baixo o lema "Traballo, Igualdade e Salarios Dignos, nunha Galiza con dereitos", a central sindical reafirma o seu compromiso coa loita feminista no ámbito laboral.

No acto de presentación deste xoves 6, participaron Marta Ferreiro, Cecilia Pareda, Diana Rodríguez e Soledad Fernández, que expuxeron as principais reivindicacións da CIG para esta xornada de mobilización.

A reivindicación céntrase na necesidade de garantir condicións laborais equitativas. A pesar dos avances lexislativos en materia de igualdade, a realidade amosa unha fenda salarial persistente e unha infravaloración dos traballos feminizados.

Marta Ferreiro destacou que "o 8M non pode desvincularse da súa orixe obreira nin das loitas que aínda quedan por conquistar".

A desigualdade reflíctese nunha fenda salarial do 18,4%, que se traduce en case 4.700 euros brutos anuais menos para as mulleres en comparación cos homes. No caso das pensións, a diferenza alcanza o 33,6%, o que supón unha perda de 421,38 euros mensuais.

Para reducir estas desigualdades, a CIG propón unha subida do salario mínimo interprofesional ata o 60% do salario medio estatal, seguindo as recomendacións da Carta Social Europea.

A precariedade laboral afecta especialmente ás mulleres, cunha maior taxa de contratación parcial e temporal. Segundo datos da Axencia Tributaria, a diferenza salarial reduciríase ao 7,7% se as mulleres traballasen a tempo completo durante todo o ano.

Cecilia Pareda sinalou que "a parcialidade imposta e a temporalidade son os principais factores que alimentan a fenda salarial".

Ademais, dende a CIG exprésase un rexeitamento ao cobro do IRPF sobre o salario mínimo interprofesional, considerando que esta medida castiga os sectores máis vulnerables.

Para combater estas desigualdades, a CIG propón unha serie de medidas para avanzar na igualdade laboral. Unha das propostas é a redución da temporalidade e da parcialidade na contratación, especialmente entre a mocidade.

Tamén reclama a mellora das auditorías retributivas e dos plans de igualdade, asegurando que identifiquen as causas reais das fendas salariais e das discriminacións laborais.

A central sindical demanda, ademais, o reforzo da Inspección de Traballo para garantir o cumprimento normativo e a igualdade salarial.

Outra medida clave consiste nunha clasificación profesional xusta e equitativa que recoñeza o valor real dos traballos feminizados, como os coidados e a limpeza, cunha retribución acorde á súa importancia social.

A CIG tamén propón a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade e o dereito á adaptación dos horarios laborais para favorecer a conciliación.

Ademais, defende a creación de servizos públicos de coidados accesibles e suficientes para que ningunha muller teña que renunciar ao seu emprego por falta de alternativas.

Tamén se reclama a imposición de sancións exemplares ante casos de discriminación, acoso e violencia laboral.

Outro punto fundamental é a equiparación das pensións mínimas co salario mínimo interprofesional, garantindo a súa actualización conforme ao IPC.

A CIG chama á mobilización durante a mañá do 8 de marzo e tamén pola tarde, en coordinación co movemento feminista galego.

En Pontevedra, esta manifestación partirá ás 17:00 horas dende Eduardo Pondal, percorrendo diversas rúas ata a casa consistorial, onde se dará lectura ao manifesto.

No marco das mobilizacións obreiras, o sindicato tamén anuncia actos parao 10 de marzo, o Día da Clase Obreira Galega.

En Pontevedra, a concentración desa xornada terá lugar ás 20:00 horas na Praza da Peregrina, mentres que en Vilagarcía, o punto de encontro será a Casa do Mar a mesma hora.